Entrevista no diario El Progreso pola iniciativa #LugoPatrimonioMundial

Artigo publicado no diario El Progreso o 18 de febreiro de 2019

Lucía Pérez, Alfonso Reyes ou José López Orozco son algúns dos persoeiros que se sumaron á campaña nas redes lanzada por Guido Álvarez Parga

Lugo, a vista de paxaro. XESÚS PONTE

A muralla xa é Patrimonio Mundial, pero por que non toda a cidade de Lugo? Eso debeu pensar o guía turístico e turismólogo Guido Álvarez Parga (@guidoalvarezp) cando o pasado mércores lanzou nas redes sociais o hashtag#LugoPatrimonioMundial.

Aínda que se trata dun dos lucenses máis influentes nas redes sociais, non imaxinaba a repercusión que ía ter a súa iniciativa, á que nuns poucos días se sumaron persoeiros como o meteorólogo Martín Barreiro, o exalcalde de San Sebastián Odón Elorza, a cantante Lucía Pérez ou o ex xogador de baloncesto Alfonso Reyes, por citar só algúns.

“No último mes lin bastantes novas sobre a posibilidade de que Lugo se candidatase como Cidade Patrimonio da Humanidade e este pareceume un bo modo de alimentar o debate e potencialo”, explica Guido Álvarez, quen aclara que sería unha ampliación da declaración coa que xa conta a muralla.
Como guía turístico, e tamén cun máster en xestión de paisaxes culturais, unha temática moi ligada ás actividades da Unesco, Guido Álvarez entendeu que este era “un bo xeito de axudar a quen desenvolvan a candidatura”. E non só iso, tamén cre que pode ser un bo medio para facer unha relación de lugares da cidade, non só intramuros, para incluír nesta eventual proposta.

“É un xeito de involucrar á sociedade”, di. Por agora, vaia se o conseguiu. Ocorréuselle mencionar nas redes a persoas nadas ou vencelladas de algunha forma con Lugo. A iniciativa, nuns días, volveuse viral e, por exemplo, esta fin de semana foi un dos hashtags máis empregados no norte da península, segundo Trendsmap.

“Son un convencido de que a promoción do turismo e dos valores patrimoniais, culturais e naturais non só benefician económicamente aos lugares, senón que tamén inciden na sociedade local, na súa autoestima e identidade”, ilustra o promotor dunha idea que tamén recibiu o visto e prace de políticos locais, como o exalcalde José López Orozco, de deportistas como José Miguel Antúnez ou Salva Arco, e mesmo de entidades como o Breogán.

Advertisements