Unha cidade nunha Reserva da Biosfera

Oitava colaboración para a revista “Fogar de Breogán”, a revista do C.B. Breogán

Poucas urbes no mundo e a única capital ibérica que goza deste privilexio. A miúdo distinguimos a Lugo pola súa condición de cidade bimilenaria, por ser a primeira capital de Galicia, pola súa muralla única no mundo, ou pola enorme cantidade de vestixios históricos cos que conta no seu haber. Pero menos veces é mencionada outra condición que distingue á urbe lucense a nivel europeo e case mundial… o ser unha cidade (e de 100.000 habitantes) situada dentro dunha Reserva da Biosfera UNESCO.

Terras do Miño foi declarada no ano 2002 como “unha paisaxe cultural tradicional con moitos hábitats naturais de gran importancia” e está considerada a segunda reserva máis grande de toda a Península Ibérica. Tamén é unha das que teñen unha maior densidade de poboación e unha maior cantidade de patrimonio histórico: dentro dela atópanse 3 Patrimonios da Humanidade (Muralla Romana, Camiño Francés e Camiños do Norte) e 2 bens declarados dentro dos Camiños (as catedrais de Lugo e Mondoñedo).

Segundo as bases de datos, 123 especies animais diferentes concéntranse neste territorio. As aves son o grupo predominante, pero non o son menos tanto os mamíferos, como os reptís, anfibios, peixes e invertebrados.

É tamén destacable o número de especies vexetais: a reserva inclúe un gran número de especies protexidas tanto pola normativa comunitaria (Directiva Hábitat), nacional (Catálogo Nacional de Especies Ameazadas) e autonómica (Catálogo Galego de Especies Ameazadas). Terras do Miño, un privilexio e un atractivo máis da cidade amurallada…

Advertisements