Lugo, unha capital da historia romana no occidente europeo

Cuarta colaboración para a revista “Fogar de Breogán”, a revista do C.B. Breogán

Todo o mundo oíu falar da peregrinación a Santiago de Compostela, todo o mundo oíu falar do máis meridional dos recunchos celtas, moita xente oíu falar do gaiteiro universal Carlos Núñez, do Deportivo, do Celta, do Breogán, do emporio Inditex ou do paraíso atlántico das Illas Cíes… pero non tanta xente coñece a orixe da historia romana no noroeste da península ibérica, e a cidade chave para achegarnos a él. Ten dous mil anos de historia e a única muralla romana do mundo que aínda conserva intacto o seu perímetro. Un dos destinos turísticos imprescindibles nos novos itinerarios do turismo cultural europeo: a cidade de Lugo.

Dende hai varias décadas, especialmente dende o boom turístico da segunda metade do século XX, son moitas as persoas que circularon e circulan por Europa buscando cada vez novos destinos, novas experiencias e novas sensacións. Lisboa, Barcelona, Sevilla, Madrid, Toledo ou Santiago de Compostela son algúns deses lugares imperdibles para os buscadores de historia e movementos culturais. Pero as inquedanzas, as lecturas, internet, ou as recomendacións de amigos, están dando paso a novos lugares para marcar cunha cruz no mapa. Amantes da historia, gourmets e buscadores de contornas naturais fantásticas e tranquilidade, empezan a encher youtube, instagram, twitter, blogs e perfís de Facebook con fotos do templo de Mitra, a ponte e as termas romanas sobre o río Miño, a catedral de Santa María ou os quilométricos paseos sobre esa muralla co único adarve de Europa con dous milenios de antigüidade.

Fascina polo que se ve e polo que non se ve. Bos guías de turismo ou a propia imaxinación son a mellor axuda. Ideal para os que algunha vez tiveron oportunidade de visitar as ruínas de Pompeia, pois algo moi similar é o que se esconde baixo o pavimento das rúas lucenses.

A visita clásica que actualmente se fai na cidade inclúe varios dos patrimonios bimilenarios que a día de hoxe son visibles: o xa mencionado (muralla, ponte, termas e templo de Mitra), o santuario de Santalla de Bóveda, os restos dunha mansión da época (coñecida como Casa dos Mosaicos polas abundantes pinturas decorativas), varias mostras in situ de distintos achados arqueolóxicos entre os que destaca o xacemento da Tinería… e por suposto varios museos onde coñecer, a través de vestixios e explicacións, a historia da antiga Lucus Augusti.

E Lugo non queda aí. A cidade máis antiga de Galicia tamén é recoñecida como unha das capitais da gastronomía atlántica (destacando a súa ruta de tapas e o polbo á feira, que é a especialidade local con máis sona) e como unha comarca de especial atractivo para os amantes da natureza: o paso do río Miño pola cidade e pola súa contorna constitúe, de entre as que hai na península Ibérica, a segunda máis grande Reserva da Biosfera declarada pola UNESCO.

Historia, natureza, gastronomía, un dos maiores vestixios da civilización romana en toda Europa… nunha provincia (á que dá nome) con praias como a das Catedrais en Ribadeo (premiada por Tripadvisor como a sexta mellor do mundo) e con Paisaxes Culturais (que actualmente esperan a chamada da UNESCO) como a Ribeira Sacra ou as montañas de Ancares… todo isto, e moito máis, é Lugo.

Advertisements