Estreando sección de colaboración na revista do C.B. Breogán

Onte foi un día moi especial: estreei unha sección de colaboración na revista do equipo da miña vida, o dos meus soños, o C.B. Breogán. Moi agradecido ó club, outra vez, por ofrecerme este oco con tanto valor! “Lugo, Breo e viceversa” comezou no nº 8 de “Fogar do Breogán”, no último partido de 2017, no derbi galego contra Básquet Coruña.

Moi agradecido ó club do meu corazón por ofrecerme na súa revista este espazo no que compartir, a partir de agora, un chisco dos meus sentimentos pola cidade máis fermosa e polo equipo máis fermoso do mundo.

Hai 3 anos regresei a Lugo tras unha década de vivencias noutros lugares do mapa,  e especialmente dende entón (antes tamén o facía, pero menos) afeccioneime a compartir nas redes fotografías e historias do fantástico escenario bimilenario –e máis que iso- no que temos a fortuna de vivir os nosos días.

A miña vida está chea de breoganismo: nacín, medrei, e actualmente volvo vivir no lugar que se ve nesta primeira fotografía que elixín compartir. O Carme, o Miño, as Costas do Parque Rosalía, a rúa de Santiago e o Pavillón Municipal son o que eu chamo o centro do meu universo. Por se fora pouco nacín en setembro do 1985… plena época dourada da historia celeste.

Son guía turístico e un convencido de que non podemos vivir nun sitio mellor. Que temos que saír e descubrir mundo, pero que tamén temos que desfrutar dos tesouros que nos arrodean.

Turismo local, turismo de barrio a barrio! Cada día pode ser unha aventura, e iso é o que pretendo transmitirvos a partir de agora neste recuncho: a preciosa aventura de vivir en Lugo.

Advertisements