De México ó Cebreiro: vendo a neve por primeira vez!

No blog de Galicia Infinita

A opinión foi unánime: o pasado sábado vivimos a excursión máis emotiva e divertida deste 2017. Persoas de dez países acompañáronnos na nosa branca aventura polas montañas dos Ancares e Samos.

Pasámonos a semana dubidando sobre o panorama meteorolóxico que nos atopariamos, e ó final tocounos o mellor dos posibles… O Cebreiro branco, branco, branco!

Así que si, non só gozamos dun dos lugares máis bonitos e emblemáticos de Galicia, senón que ademais puidemos divertirnos como pícaros… sobre todo os nosos amigos mexicanos! Vían neve por primeira vez 🙂 Que emoción compartir con eles un momento de tal calibre!

Logo dunha intensa guerra de bólas de neve (hahaha!) chegou a tregua e aproveitamos a variedade multicultural para construír o mellor muñeco de neve da historia: Gennaro! O peregrino italiano máis famoso de Galicia  🙂

Foi famoso durante algunhas horas nas redes sociais!!! Un grande 🙂

Ó final quedámonos toda a mañá, que aproveitamos para visitar as pallozas, a igrexa prerrománica de Santa María (século IX), e todo o pobo…

Ás 14h00 tomamos dirección Samos! A outra gran visita do noso sábado…

Demos un paseo pola localidade, comemos uns bocadillos de luxo fronte ó concello, e logo xa entramos a facer a visita guiada no noso gran obxectivo da tarde: o Mosterio de San Xulián, xoia arquitectónica fundado no século VI.

Un dos catro monxes que viven nel foi o noso guía… marabilloso! Explicounos a historia de Samos con moita paixón.

Quedámonos fascinados coa beleza deste lugar, un dos máis suxestivos de Galicia…

E así rematamos este sábado para o recordo… manifestando o noso desexo de volver pronto!

Advertisements