Un gran paseo pola natureza e os misterios da Terra Chá

No blog de Galicia Infinita

O pasado sábado fómonos de excursión co ambientólogo Pepe Pérez Vázquez, nacido en Lugo pero con profundas raíces en terras chairegas. Descubrimos a comarca dos seus devanceiros e aprendemos moito sobre a súa fermosa natureza!

Comezamos a xornada visitando As Penas de Rodas, lugar mítico e lendario que se atopa no municipio de Outeiro de Rei. Antigo lugar de culto, dúas enormes pedras de granito cuxo orixe podería remontarse á época romana.

Acto seguido desprazámonos ata o concello de Begonte, onde comezamos a nosa camiñada matutina visitando a lagoa de Riocaldo. Alí Pepe empezounos a falar da flora e fauna de toda esta zona.

A nosa seguinte parada: os Ollos de Begonte, dous pequenos pero profundísimos lagos (a páxina de Turismo de Begonte estima que uns 38 metros) cargados de mitos e lendas: “Dise que serviu de foxo dos soldados franceses derrotados, que para buscarlle o fondo usaron sete adibais e un pote de ferro cheo de coios e non llo atoparon, que a auga sobe e baixa coas mareas, que caeron animais dentro e nunca máis se soubo, que hai cónchegas de peixes e que alí viven mergulladas tres irmás encantadas”.

Case nada, non? Pois logo desta máxica parada, proseguimos a nosa camiñada polas beiras do río Ladra. Fixemos parte da coñecida como “Ruta dos Caneiros” e rematamos no Clube Fluvial de Begonte, onde comemos o noso habitual picnic.

Seguinte parada: lagoa de Cospeito! A máis grande de todas, e un dos ecosistemas hídricos máis importantes de todo o noroeste da península Ibérica.

No seu centro de interpretación, Pepe explicounos a historia da lagoa, as súas características, e o seu valor ambiental.

Tivemos a sorte de ver unha lontra! Durante uns 30 segundos vímola en acción : )

Tamén unha gran cantidade de aves!

Desta riqueza ornitolóxica deriva o moderno “Museo das Aves” que visitamos para terminar a nosa xornada… un lugar moi interesante!

Quedamos encantados e con moitas ganas de voltar pronto á querida Chaira galega : )

Advertisements