Piornedo: un paseo polas orixes galaicas con Lola, Isolina e Ron

No blog de Galicia Infinita

Gregos, brasileiros, indios, arxentinos, mexicanos e ingleses acompañáronnos a Piornedo e Balboa nunha xornada formidable. Ruta da Moura, Palloza-Museo Casa do Sesto, XXV Magosto Celta… Os Ancares!

Onte sábado fómonos de excursión a un dos nosos lugares preferidos. Planeamos unha ruta natural-etnográfica con Isolina Rodríguez e con Lola Piornedo (acompañadas polo seu can Ron), famosas en Os Ancares polas súas rutas dominicais. Esta vez fixeron unha excepción e cambiaron de día da semana : )

Leváronnos a facer a ruta “da Moura”, un itinerario circular con inicio e final no núcleo de Piornedo.

Neste percorrido explicáronnos detalles da flora, da fauna, da historia e das lendas de Piornedo e Ancares. Destacadas paradas no “Chao das Penas” e nos “Rebolos dos Acebais”… un bosque con varios carballos milenarios!

Logo da aventura… tempo para relaxarnos. Comemos no núcleo de Piornedo e conversamos ó redor do lume nunha das súas pallozas. ¡Que experiencia, sobre todo para os que viñan de lonxe!

Logo Lola e Isolina retomaron as súas explicacións e relatos, desta vez na Palloza-Museo Casa do Sesto. Quen mellor que elas, que naceron e se criaron nestas pallozas de Piornedo!

Despedímonos delas á saída do pobo, e fómonos pechar o día a un dos eventos máis especiais do calendario ancarés… Magosto Celta de Balboa! Nada menos que na súa 25ª edición…

Gozamos dun ambiente perfecto para unha xornada como esta: castañas, música tradicional e numerosos asistentes!

Un cuarto de século… agardamos voltar! Como sempre agardamos voltar ós queridos Ancares…