Un día na marabillosa Galicia de Negueira de Muñiz

No blog de Galicia Infinita

Desta vez fomos trece mexicanos, dous turcos, unha brasileira, unha estadounidense, unha extremeña e vinte e dous galegos. Un día inesquecible nunha das Galicias máis auténticas e fermosas: Negueira de Muñiz, comarca da Fonsagrada, reserva da biosfera “Río Eo, Oscos e Terras de Burón”.

Dende estas terras chegounos a invitación para asistir á “I Xornada da Castaña” neste sábado 28 de outubro… e non o dubidamos nin un instante! Unha oportunidade para organizar unha excursión a unha comarca que nos apaixona.

Fómonos con toda esta xente de Galicia e do mundo a facerlles descubrir a pequena marabilla que se atopa entre as montañas fonsagradinas e á beira do río Navia.

As nosas primeiras paradas foron no municipio da Fonsagrada, concretamente na Seimeira de Vilagocende (unha das dúas cascadas máis altas de Galicia) e no mirador da Fornaza. E despois? A pequena e curiosísima localidade asturiana de Riodeporcos, no municipio de Ibias. Un pobo con menos de dez habitantes que chama a atención polos seus accesos. ¡Dende Galicia éntrase por unha ponte colgante de madeira! Non puidemos resistir a tentación de facernos unha foto para o recordo : )

Logo chegaría o tempo para comer (desta vez unha gran maioría abandonamos os nosos habituais picnics para gozar da churrascada popular que había en Negueira) e sobre todo para descubrir o noso gran destino da excursión.

Os nosos amigos da ADN (Asociación para ou Desenvolvemento de Negueira) acompañáronnos nun gran paseo por toda a contorna de Negueira de Muñiz, no que nos marabillamos cos seus viñedos, o seu río Navia, os seus pobos mergullados, e o enorme anecdotario deste municipio: o menos poboado de Galicia, o único da provincia de Lugo que creceu nos dous últimos censos, asentamiento hippie desde os anos 70…

Rematamos a tarde gozando dun gran magosto con queimada, foliada, cervexa artesanal, xogos tradicionais, zume de mazá gratuito… unha festa 100% galega clausurando un día formidable!!

 

 

Advertisements