O Fuciño do Porco e Viveiro en ollos de 11 países

No blog de Galicia Infinita

Xordania, Brasil, Estados Unidos, Túnez, Italia, Chile, Turquía, México, Inglaterra, Bolivia, Bélxica… xente de todos estes países acompañounos este sábado a visitar a maxia do occidente da Mariña Lucense.

O noso primeiro destino, a famosa ruta polas pasarelas do Fuciño do Porco! Unha senda que sorprendeu ó mundo e que ano a ano é visitada por máis persoas. Víchedela este verán no programa Comando Actualidad? Tamén foi unha das protagonistas da campaña promocional “Lugo Cambia” da Deputación de Lugo. Que beleza de acantilados e de vistas cara as rías de Viveiro e do Barqueiro!

Despois desta emoción, fómonos comer ó merendeiro do Monte de San Pedro, en Viveiro. Picnic en convivencia e logo… a desfrutar do panorama! Unha das vistas máis fermosas de todo o Cantábrico? Gozámola moito.

Ás catro da tarde baixamos ó centro histórico de Viveiro, a tomarnos uns xeados e cafés (cada un ó seu gusto) e a desfrutar dun paseo polas bonitas rúas desta enclave milenario. As portas de Carlos V e do Valado, as igrexas de Santa María e San Francisco ou a Praza Maior foron algúns dos lugares máis fotografados.

Rematamos a xornada nun lugar inmellorable: a praia de Area. Unha hora e media para relaxarnos, bañarnos, escoitar a un gaiteiro que paseaba polo areal… e gozar da caída do sol. Ata a próxima!!

Advertisements