Galicia e os camiños da liberdade

En Galicia Infinita, en Galicia Confidencial e no GC Tendencias

Perderse e atoparse con asiduidade, conectar a diario coa natureza, camiñar polo rastro de devanceiros milenarios… exercicios de liberdade que en Galicia son rutina.

Muralla Romana de Lugo (Foto: Guido Álvarez Parga)

Muralla Romana de Lugo, do século III 

¿Será que a morriña está ligada a esa virtude das terras galaicas? Será que os galegos e os visitantes de Galicia estrañan na distancia esa pracenteira sensación de perderse e sentirse libres e cargados de enerxía? Non o sei… en todo o mundo perderse é unha aventura… pero si é certo que as vibracións deste chan atlántico teñen algo especial que engancha e atrapa.

Regueiro das Hortas, Vía Romana XIX, Camino Primitivo a Santiago (Foto: Guido Álvarez Parga)

Regueiro das Hortas, Vía Romana XIX, Camiño Primitivo a Santiago 

O Camiño, os camiños… hoxe en día son cada vez máis sinónimos de Galicia. Somos terra de peregrinos, de aventureiros, de migrantes, de mariñeiros, de románticos e buscadores… O lugar onde moitos perdidos veñen atoparse, e un lugar que nunca marcha das entrañas daqueles que o pisan algunha vez.

Alto do Lago, Becerreá, Os Ancares (Foto: Guido Álvarez Parga)

Alto do Lago, Becerreá, Os Ancares 

¿Serán eses bosques milenarios? ¿Serán eses muros de pedra humedecidos polos séculos? ¿Serán eses ollos galegos que semella que acumulasen xeracións de sentimentos e aventuras nas súas retinas? ¿Por que cando un camiña por estas terras sente que os calendarios pesan menos que noutras partes do mundo? ¿Quizais é por iso que Galicia sempre pregunta máis do que afirma… porque dubidar fainos libres…

Advertisements