Xaneiro en Praga

En Galicia Confidencial e no GC Tendencias

Na memoria queda esa chegada á estación central de Praga nun nevado mércores de xaneiro. Lembrareino sempre coma o maior shock de beleza que vivín nunca. Síndrome de Stendhal.

Praza da Cidade Vella (Praga)

Algo xa contei no GC sobre a miña viaxe-aventura de xaneiro polo centro de Europa. Un percorrido en tren, durante 15 días, por algunhas das cidades máis fermosas, cultas e apaixonantes do mundo.

Praga foi a miña segunda parada tras Budapest (sobre a que xa escribín hai un par de meses) e lonxe de defraudarme, superou con creces as miñas expectativas. Píntana como tan turística e de moda que eu temía atoparme un parque temático… pero polo menos neste mes de xaneiro non me deu esa impresión. Si está chea de negocios turísticos, si que é unha cidade aberta ó mundo… pero non se parece a eses outros famosos destinos que xa perderon, como mínimo, unha gran parte da súa alma.

Río Moldava e Castelo de Praga

Río Moldava e Castelo de Praga

Praga mantén unha esencia, unha identidade propia, un estilo auténtico e xenuino. E a miña sensación foi que todos os turistas que por alí pasean son conscientes de estar visitando un lugar preferente do mundo.

Monicreques no barrio xudeu

Monicreques no barrio xudeu

Fixen 3 tours, e todos eles con diferentes empresas. Todos saíndo dende a Praza da Cidade Vella:

  • O free tour con PRG Tours e o seu guía asturiano Alfonso. Actor profesional e un gran coñecedor da cidade. Levounos pola cidade vella, polo barrio xudeu e tamén por parte da cidade nova. Moi aconsellable na aterraxe a Praga.
  • A visita ó campo de concentración de Theresienstadt, con White Umbrella Tours. Custoume 32 € incluíndo a viaxe en autobús (ida e volta). Unha experiencia tan forte como construtiva.
  • O tour do castelo de Praga, con Sandemans New Europe. Custoume 11 € que valeron moito a pena. Máis ca un castelo semella unha cidade enteira… non por nada é un dos máis grandes do mundo! Palacios, igrexas, a catedral de San Vito, o calello de Ouro (onde viviu Franz Kafka)… un paseo de máis de 600 anos.
Václavské náměstí, praza de Wenceslao

Václavské náměstí, praza de Wenceslao

Aloxeime no Hostel Santini, un lugar que recomendo completamente, sobre todo para quen busque tranquilidade e comodidade a bo prezo… 10,5 € por noite! Nun palacio do século XVII, e a só 500-600 metros da Ponte de Carlos. Almorzo gratis, toalla, taquilla, roupa de cama, boa calefacción…

Muro en homenaxe a John Lennon

Muro en homenaxe a John Lennon

Beleza polos catro costados, monumentalidade, gran presenza de edificios medievais, renacentistas e barrocos… un dos castelos máis grandes do mundo… teatro, música, arte na rúa… e moita historia. Quedan ganas de voltar por Praga, que agora xa é unha das miñas cidades favoritas.

Advertisements