Os primos do norte: paseando por Irlanda

En Galicia Confidencial e no GC Tendencias

A penúltima saída ó estranxeiro do 2016 foi a terras celtas. Un paseo por Dublín e Belfast… moi pendente dende sempre! Desta vez non deixei pasar a oportunidade. ..

Descubrín unha combinación interesante con voos de baixo custo (Santiago-Barcelona-Dublín-Lisboa por 81 €), e foi así que aproveitei para visitar por primeira vez as terras dos nosos primos do norte. ¿Non é que algúns dicían que Galicia limita ó oeste con Nova York e ó norte con Irlanda,  Inglaterra e a Bretaña? Eu estou dacordo…

Trinity College, en Dublín

Trinity College, en Dublín

Cheguei a Dublín o venres 25 de novembro, case a medianoite, e as sensacións dos primeiros intres foi a mesma que tiven cando cheguei á Bretaña por primeira vez: a de estar na casa, ou cando menos a de non estar nun lugar estraño.

Pensei que faría máis frío, pero o tempo de Dublín non era tan distinto ó que deixara en Galicia uns días atrás. As paisaxes verdecentes, os sorrisos humildes, os ollos mariñeiros…

Sorprendeume moito o wifi por todas partes (incluso nos buses urbanos) e desfrutei moito paseando polas capitais de Éire e Irlanda do Norte. Resultáronme cidades amables como peón, agradablemente verdes, cheas de ambiente e personalidade…

A primeira noite quedei a durmir en casa de Maruxa, unha amiga de Lugo que vive en Dublín. Tomamos unhas pintas por Temple Bar con Álvaro (outro amigo de Lugo que veu para a ocasión) e deitámonos a unha hora prudente para dar unha voltiña pola cidade á mañá seguinte.

Almorzamos, fomos dar unha volta por O´Connell Street e polo centro, comemos algo lixeiro… e ás 14h30 marchei eu no Aircoach a visitar a outro Álvaro (tamén de Lugo… estamos en todas partes) en Belfast. Dato importante: autobús moi cómodo e a moi bo prezo! 23 € ida e volta…

The Big Fish of Belfast

The Big Fish of Belfast

Belfast foi toda unha sorpresa para min. Non tiña tantos datos dela como de Dublín ou doutros puntos da illa… Pareceume unha cidade moi dinámica, con moito ambiente xuvenil e universitario, onde as tradicións seguen vivas e paralelamente se mira ó futuro…

Por suposto visitamos os murais (especialmente no barrio de Falls), o torcido Albert Memorial Clock (erixido no 1869), o City Hall, o bar máis antigo da illa (Whites Tavern, 1630), a Catedral de St. Anne, o Big Fish, a universidade de Queen´s (fundada a mediados do século XIX), o Mercado de St. George (comemos alí o domingo)… formidables lugares!

Whites Tavern, o bar máis antigo da illa de Irlanda, fundado no ano 1630

Whites Tavern, o bar máis antigo da illa de Irlanda, fundado no ano 1630

E antes da noite do domingo, 24 horas despois de chegar a Belfast, xa estaba collendo o bus para regresar a Dublín…

As miñas últimas horas na cidade deron tempo para volver a compartir pintas e charlas con Maruxa e Álvaro, e para visitar, xa só e con calma, a capital de Éire.

O río Liffey, en Dublín

O río Liffey, en Dublín

Despois dunha cea irlandesa ó lado da estatua de Molly Malone (no O´Neills), o luns pasei o día enteiro camiñando a cidade.

Defrutei moitísimo, como me pasa sempre, da beira do río (neste caso o Liffey), da contorna do Trinity College (a universidade máis antiga de Irlanda, do século XVI) e de variadas atraccións turísticas do centro histórico: o Castelo de Dublín (edificación do século XVIII pero con orixes moito máis remotas), o City Hall, o Spire, Grafton Street, O´Connell Street, a antiga destilería de Jameson…

Pequenas pinceladas dun país tan familiar para os galegos, e que agardo descubrir moito máis próximamente…

 

Advertisements