Lisboa maravilha

En Galicia Confidencial e no GC Tendencias

Unha cidade para todos os petos, metrópole de referencia para os galegos. En Lisboa estamos na casa…

Praça do Marquês de Pombal, avenida da Liberdade e o río Tejo

Praça do Marquês de Pombal, avenida da Liberdade e o río Tejo

Tras 6 días por Lisboa non deixo de preguntarme como é que, en tantos anos de vida, tendo viaxado bastante por Europa, e sendo profeso admirador da cultura dos nosos irmaos do sur, nunca antes lle adicara un tempo así a esta marabillosa cidade. Supoño que as cousas aparecen sempre ó seu momento…

Sabendo que ía contar cunhas semanas libres tras un ano intenso de traballo, decidín organizar unha viaxe “aventura solitaria” das que sempre fixen, pero que desde Berlín 2013 non fixera máis… qué acerto incluír a Lisboa nesta ocasión!

Collín 3 voos de Ryanair por 81 € (Santiago-Barcelona, Barcelona-Dublín e Dublín-Lisboa) e deixei liberdade para ese regreso dende a capital lusa, finalmente con Blablacar (por 42 € directo ata Lugo) e 6 días despois da miña aterraxe lisboeta.

Esa “case semana” vivín (hospedarse quédase curto como verbo) no mellor hostel no que estiven na miña vida: o Lisboa Central Hostel, que se atopa na zona da Praça do Marquês de Pombal. Unha casa feita a medida para viaxeiros! Todos os detalles son perfectos, mostra de que quen o creou era/é unha persoa mochileira. As camas, os armarios, as duchas, a cociña, os almorzos, as sopas e sandwiches gratuitos… paraugas, wi-fi,  visitas guiadas, ordenadores modernos… e un equipo de traballadores especialmente impresionante.

Con Raquel Tuluco e David Jorge, traballadores do Lisbon Central Hostel

Con Raquel Tuluco e David Jorge, traballadores do Lisbon Central Hostel

A fortuna de ter o tempo como para poder improvisar movementos axudoume enormemente a desfrutar de Lisboa co cariño que merece. O martes 29 aterrei moi canso dende Dublín (o voo saiu de Irlanda ás 6h00), pero aínda así a emoción tiroume para arriba, e esa mesma tarde comezaron os paseos e as primeiras fotos polos barrios máis céntricos.

Vistas dende o jardim do Torel

Vistas dende o jardim do Torel

O mércores 30 foi O Día con maiúsculas! Todo comezou cun free tour da empresa Discover Lisbon (que traballa conxuntamente co hostel) e acabou cun grupo de whatsapp que duraría toda a viaxe. Un grupo multicultural dunhas 15 persoas coas que desfrutamos do barrio da Alfama, comemos nun restaurante “portugués portugués” (Santa Rita Restaurante) e acabamos bailando e tomando algo pola noite en Chiado e no Bairro Alto.

Free tour por Lisboa coa empresa Discover Lisbon

Free tour por Lisboa coa empresa Discover Lisbon

O 1º de Dezembro foi un día relaxado no que tiven a sorte de presenciar o Desfile Nacional de Bandas Filarmónicas conmemorando a restauración da independencia portuguesa en 1640. Tomei un excelente café na rúa da Boavista, e rematei o día cunhas amigas vendo unha interesante película francesa (Elle, 2016)… por suposto en versión orixinal!

O venres 2 aproveitei para visitar Sintra (Patrimonio da Humanidade UNESCO dende 1995) e alí quedei fascinado pola beleza natural do enclave e polos característicos xardíns, bosques e edificacións… pazos e castelos que se remontan en moitos casos a máis dun milenio de historia! Subín polas montañas nos míticos tuk tuk… toda unha experiencia!

Os tuk tuk de Sintra!

Os tuk tuk de Sintra!

Logo chegou a fin de semana! Últimas 48 horas antes de regresar a Lugo co Blablacar. Dous días que aproveitei para relaxarme, desfrutar dos praceres lisboetas, e finalmente visitar Belém. Qué lindo, Belém! Cheo tamén de monumentos, e con dous elementos Patrimonio Mundial UNESCO dende o ano 1983 (Torre e Mosteiro).

Torre de Belém, construída entre 1514 e 1519. Patrimonio Mundial dende o ano 1983

Torre de Belém, construída entre 1514 e 1519. Patrimonio Mundial dende o ano 1983

Un grande final para unha viaxe (Barcelona, Dublín, Belfast, Lisboa) da que agardo contarvos máis cousas próximamente… saudades!

Álbum completo de fotografías de Lisboa: “Lisboa 2016”

Advertisements