Entrevista sobre turismo, no diario El Progreso

Entrevista publicada hoxe (25/07/2016) no diario El Progreso

1

«OS TURISTAS COÑECEN MÁIS A CIDADE QUE OS PROPIOS LUCENSES»

O guía Guido Álvarez avoga por un turismo local para potenciar a autoestima

Guido Álvarez leva doce anos no mundo do turismo. Formouse en cidades como Téramo e Nápoles (Italia), Londres, Saint-Étienne, Nantes e Burdeos (Francia), Stuttgart (Alemaña), A Coruña e Santiago de Compostela, cidade esta última onde traballou no Centro de Estudos Turísticos (Cetur) durante tres anos.

En todas esas estancias realizou experiencias de campo nas que puido comprobar que «nesas cidades hai unha evolución histórica progresiva», apunta. Sen embargo, en Lugo a cousa cambia. Álvarez conta que houbo un gran avance na cidade na época romana. Logo, «a evolución en Lugo estivo parada no tempo durante moitos séculos», indica, o que «aprézase incluso no día de hoxe».

Así, Lugo «é unha cidade á que lle custan os avances, para o bo e para o malo», afirma este guía e engade que «Lugo conserva cousas boas e ás veces cústalle progresar en cousas nas que debería, como no tema do transporte, no que estamos atrasados».

´NOVOS´BARRIOS. Álvarez Parga quere enfatizar que Lugo é unha cidade sorprendente, e que incluso os historiadores «non coñecen todo o que Lugo dá de si». Continuamente estáse descubrindo «patrimonio, restos, novidades históricas que a todos os lucenses nos sorprende», manifesta Álvarez.

Ademáis, «atreveríame a dicir que unha maioría de lucenses non coñecen as marabillas que os turistas xa están coñecendo», asegura, e incluso «coñcecen máis os turistas que os propios lucenses».

Barrios «pintorescos» como O Carme, A Chanca ou A Ponte, son lugares «a nivel recreativo interesantísimos, pola súa natureza e pola súa persoalidade» que Álvarez insiste en que os lucenses non coñecen.

«Comparto continuamente fotos en Facebook de Lugo e a xente pregúntame onde son eses lugares, porque non os coñecen, sobre todo no caso dos barrios semirurais», dice este guía lucense. «Xente que nunca paseou polo Carme, por exemplo», unha zona que sempre lle sorprendeu. «É un barrio rural, salvaxe, auténtico, máxico», apunta Álvarez Parga, «e todo isto a carón do centro histórico de Lugo» un feito que fai que O Carme «sexa máis sorprendente aínda».

O guía lucense considera que o escaso coñecemento da cidade por parte dos lucenses débese a que a xente «queda na súa zona». «Eu, por exemplo, de pequeno xogaba no meu barrio, e descubrín A Chanca de maior», manifesta. Así mesmo, cree na necesidade de facer turismo local para potenciar a autoestima das persoas e a convivencia nas cidades, «que a xente se mova da barrio a barrio, que descubran realidades que non coñecen da súa propia cidade».

Por outro lado, Álvarez Parga comenta que a impresión que os turistas levan de Lugo «supera ampliamente as expectativas». «Pensan que Lugo é unha cidade de paso, para estar unhas horas, e logo descubren que poden pasar días e incluso regresar, porque é un lugar no que sempre se vai descubrir máis», conclúe.

Advertisements