De París á Galice Celtique de Carlos Núñez

En Galicia Confidencial e no GC Tendencias

A pasada semana rematou o primeiro tour temático de Mundo Galaico: tres francesas da rexión parisina foron as encargadas de estrear este novo produto turístico. Un novo capítulo desta historia que comezou no Zénith Nantes no 2014 e que xa vai pola súa sexta entrega no Galicia Confidencial.

O momento chegou e a experiencia foi formidable. Annie Desgardin, Marion Daudé e Nathalie Rolland foron as primeiras en desfrutar do tour da Galice Celtique de Carlos Núñez: oito días e oito noites descubrindo Galicia de norte a sur.

Comezamos o mércores 6, coa recollida no aeroporto da Lavacolla, e de aí, rumbo a Lugo: a nosa base de movementos durante a primeira parte da viaxe.

LUGO, O BOSQUE SAGRADO

En Lugo visitamos a Domus do Mitreo (casa  co templo mitraico máis occidental do imperio romano), a Casa dos Mosaicos (Domus Oceani), o Regueiro das Hortas (Vía Romana XIX, Camiño Primitivo a Santiago, e unha das zonas máis máxicas e suxestivas da cidade), a Ponte Romana e o seu entorno, o conxunto histórico de San Lázaro, o Parque Rosalía, o Círculo das Artes, a Catedral de Santa María, o barrio da Tinería, o casco histórico en xeral, e por suposto a Muralla Romana (que percorremos polo adarve, polo exterior, e tamén nos tramos do paseo interior).

RIBEIRA SACRA, VITICULTURA HEROICA E ANCESTRAL

Na Ribeira Sacra comezamos o soleadísimo día cun cruceiro en catamarán polos canóns do Sil. Desfrutamos moito das paisaxes da viticultura heroica e da brisa do barco nun día cálido. Posteriormente fixemos unha visita e degustación nunha adega da comarca, e gozamos das paisaxes ribeiranas dende diversos puntos estratéxicos como o Miradoiro de Souto Chao.  Rematamos a xornada cunha visita a un dos puntos máis importantes do Camiño Francés en Galicia como é Portomarín, onde visitamos a vila e o entorno do río Miño.

A MARIÑA, A GALICIA MÁIS BRETOA

Na Mariña fixemos a primeira parada en Mondoñedo, onde Simonetta Dondi dall’Orologio (directora do museo catedralicio e alcumada polo diario El País “gardiá das zapatillas do bispo”) explicounos en profundidade a historia da cidade e da súa importante catedral. Posteriormente desprazámonos a Caritel, a San Martiño, para visitar a máis antiga catedral da península ibérica: un espazo referente dos tempos de Maeloc e da Britonia galega. Como non, fixemos unha visita á praia das Catedrais (monumento natural e considerada unha das máis fermosas do mundo) e posteriormente a Ribadeo, onde comemos e desfrutamos do ambiente da Festa Indiana. O día rematou cunha das visitas máis agardadas: ó castro de Viladonga, un dos máis famosos e mellor conservados de Galicia.

CAMIÑO DE SANTIAGO E DO FINIS TERRAE

O cuarto día de visitas deixamos a nosa base de Lugo para mudarnos a un hotel de Compostela. De camiño visitamos o templo romano de Santalla de Bóveda (santuario bimilenario e único en todo o imperio) e pasamos o día no cabo Fisterra (antigo fin do mundo) e o seu entorno. Unha xornada máis suave para coller forzas de cara a segunda metade do noso percorrido, que ó día seguinte día comezaría en Santiago.

A LENDA DE BREOGÁN E O CAMPUS STELLAE

A mañá dese quinto día de viaxe contamos co apoio de Carmen Valcarcel, santiaguesa de nacemento e residencia, e guía especializada na cidade compostelá. Fixo unha completa visita ó casco histórico, á catedral, á alameda e ó campus sur. Xa pola tarde tomamos rumbo cara A Coruña, onde fixemos unha visita á cidade vella e á Torre de Hércules. Rematamos cun panorama espectacular: o solpor dende o Monte de San Pedro.

A PEGADA CELTA NA VELLA GALLAECIA

O sexto día trasladamos por última vez as nosas equipaxes, desta volta rumbo ás Rías Baixas. Nesta xornada titulada “A pegada celta na vella Gallaecia” visitamos, de novo coas explicacións de Carmen, lugares máxicos como o Castro de Baroña (dos máis espectaculares, e seguramente o mellor conservado de todo o territorio galego), as Dunas de Corrubedo (parque natural), ou o Dolmen de Axeitos (un dos máis antigos, máis grandes e mellor conservados de toda Europa). Pola tarde, tempo para coñecer a cidade de Pontevedra, premiada como unha das mellores do mundo para vivir (segundo a ONU) e cun casco histórico de notable interese.

Con Carlos en Vigo

Con Carlos en Vigo

O ENCONTRO CON CARLOS

Na noite do sexto día chegou o momento máis agardado de toda a viaxe: o encontro con Carlos. Un rato despois de instalarnos no hotel de Vigo, o gaiteiro chegou e encheu de maxia a atmósfera e os corazóns dos que alí estivemos. Sempre inspirador, sempre estimulante e sempre alentador. Ceamos xuntos compartindo momentos “máxicos e inesquecibles” segundo as tres francesas, que tamén dixeron sentirse “moi privilexiadas” de poder compartir unha longa velada co seu admirado artista.

UN PARAÍSO CHAMADO ILLAS CÍES

O Parque Nacional das Illas Atlánticas e Vigo foron a noso broche final a esta fermosa viaxe. Como no resto do percorrido, o tempo acompañounos plenamente e desfrutamos dunha climatoloxía ideal para percorrer a illa, desfrutar das vistas dende o faro, e deleitarnos cun bo baño no océano Atlántico. Quedaron marabilladas e sentiron non ter planeado quedarse 3 ou 4 días máis post-tour para relaxarse e saborear aínda máis os praceres galaicos (tomamos nota para posteriores experiencias!). As últimas horas do día aproveitámolas para visitar a zona vella de Vigo, o Mercado da Pedra e o porto.

REGRESO

O día 14 foi o día de regreso para Marion e Nathalie, mentres que Annie quedou unha noite máis por Compostela para facer compras e seguir descubrindo os misterios da capital galega. Despedida emotiva despois de case nove días compartidos, moitos bos desexos, e sobre todo augurios de continuidade para este novo proxecto!

Galería fotográfica completa en Flickr: https://www.flickr.com/photos/guidoalvarezparga/albums/72157671057719255