Guiando, para Cultura e Turismo de Lugo, no Día Internacional dos Museos

Onte vivín unha das miñas mellores experiencias profesionais. O servizo municipal de turismo da miña cidade (Lugo) contou comigo para ser o guía da ruta “O son dos museos” durante o Día Internacional dos Museos 2016. Unha experiencia fantástica percorrendo os museos municipais da cidade, e desfrutando neles da música do conxunto “Ensemble Lugo Classic”.

(Pequeñas reseñas publicadas na web do Concello de Lugo: Previa / Posterior)

Comezamos a visita no Centro Arqueolóxico de San Roque rememorando as orixes da cidade.

Fixemos unha parada na Mosqueira e paseamos polo paseo interior da Muralla Romana de Lugo, facendo un repaso a súa historia e evolución.

Visitamos a Casa dos Mosaicos e seguimos desfrutando da música do “Ensemble Lugo Classic”.

Baixamos ata o burgo vello (Praza do Campo, A Tinería) onde tivemos a sorte de coñecer a uns castrexos que viñan de casarse ante as cámaras da TVG.

Seguimos a dirección do Camiño Primitivo a Santiago, da Vía Romana XIX… saimos do recinto intramuros e nos adentramos no barrio do Carme. Visitamos a sala de exposicións Porta Miñá e baixamos polo Regueiro das Hortas, un dos lugares máis suxestivos e máxicos da cidade. Por onde San Froilán baixaba ó Miño hai 1200 anos!

E por último visitamos dúas das xoias da rede museística municipal. O Centro de Interpretación da Muralla Romana e a Domus do Mitreo. Sempre amenizados coa música do “Ensemble Lugo Classic”!

Un día para o recordo… 18 de Maio do 2016! Grazas outra vez ó Concello de Lugo pola súa confianza, e a todos os participantes desta tarde marabillosa!