O ‘street basket’ galego cítase en Lugo

En Galicia Confidencial 

Punto vermello no calendario baloncestístico: 11 e 12 de xuño na cancha urbana máis famosa e mítica do noroeste ibérico. Volve a tradición lucense dos torneos de rúa que namoraran a propios e alleos nos anos 90.

É de sobra sabido que en Lugo o baloncesto é relixión e lenda. Señoras que resolven partidos do Breogán cos seus polgares, películas de Federico Luppi no vello Municipal e nas costas do Parque, pais e fillos vestindo a mesma camiseta de cor celeste, un apartado nos DNIs lucenses para saber se es de Maristas, do Sagrado, de Triscos ou de Estudiantes (por dicir algúns)… así enténdese a vida na cidade das murallas.

Tamén é de sobra sabido que se ben o Breogán é o deus que nos guía, o baloncesto lucense é moito máis que o amado clube que nos une e nos identifica polo mundo adiante.

O baloncesto de rúa é seguramente un dos principais elementos, e nos anos 90 viviu un capítulo moi especial e que ninguén esquece. Os “3×3 deporte na rúa” eran torneos de dimensións espectaculares e que nunca máis se repetiron na cidade salvo nos moi primeiros anos do século XXI. Para que os máis novos se fagan unha idea: había canastras cada 10 metros dende Ramón Ferreiro ata as Costas do Parque!! Impresionante.

De todo aquilo quedaron só algúns redutos de resistencia, iso si, cunha enorme concentración popular. Remataron os 3×3, pecharon ó público o patio dos institutos, borraron do mapa a xenial cancha do Campo Castelo… e das grandes só quedou a Pista Vermella. A trincheira dos amateurs, que como ben di a palabra somos os que máis amamos o deporte.

Nesta última década e media esta pista que xa era mítica, elevou o seu estatus a templo do basket ó aire libre. Lugar de encontro, de integración, de socialización e de amor ó deporte. Vaise xogar, vaise falar, vaise facer amigos e sobre todo a osixenar corpo e mente.

Por ela pasaron míticos xogadores como Jorge Racca, sobre ela escribiron outros como Álex Llorca, e nela curtíronse titáns do pasado e presente do baloncesto lucense (Esteban Gómez, Devin Wright, Adrián Chapela, os irmáns Quintela, etc…). É un símbolo de identidade de todos e para todos.

Agora varios dos gardiáns das chaves da pista, liderados por Adrián López González, preparan este evento que se augura histórico. ¿Unha primeira pedra para recuperar o tempo perdido dende os 90?

4×4, concursos de mates e triplos, espectáculos de baile, camisetas, bebidas, premios e moito ambiente… xa queda menos para o gran torneo do que vai de século XXI!

Lembrade: 11 e 12 de xuño, na rúa Cornubia de Lugo (para os que veñades de fóra)… Chamade ó 660305630 ou ben escribide a pistarojalugo@gmail.com

Máis información tamén na páxina de facebook Pista Roja Lugo!

Advertisements