A xira francesa de Carlos Núñez e Mundo Galaico

En Galicia Confidencial e no GC Tendencias

Unha historia que narramos en Galicia Confidencial dende o seu inicio, en abril do 2014. O quinto e por agora último capítulo: o pasado mes de marzo. Con Viajes Mundo Galaico viaxamos a Francia, acompañando a Carlos Núñez e as Celtic Legends. ¿O motivo? Promover viaxes a Galicia, para este verán, dende a gran xira do gaiteiro no hexágono galo.

Xurxo Núñez, Carlos Núñez, Guido Álvarez e Pancho Álvarez. No Brest Arena

Xurxo Núñez, Carlos Núñez, Guido Álvarez e Pancho Álvarez. No Brest Arena

 Esta marabillosa historia segue o seu curso. A casualidade de Nantes, os Davison, as Chapel Sessions, Wickham… e agora, esta formidable xira francesa con Mundo Galaico.

Contámolo no cuarto e anterior artigo: dende aquela aventura inglesa do verán 2015 veuse cocendo este novo proxecto de promoción do turismo galego a través da música de Carlos Núñez. A vida está chea de casualidades, e como hai pouco me dixo un bo amigo: “O sol nunca pasa de igual xeito dúas veces”.

Imaxinamos este proxecto, puxémolo a remollo, uns meses máis tarde entrei a traballar na axencia de viaxes Mundo Galaico… e a comezos deste ano decidímonos, con Carlos e Susana Conde (a propietaria da axencia), a lanzar esta primeira pedra dunha proposta da que pensamos que pode sair algo moi interesante.

Durante xaneiro e febreiro preparamos os detalles da xira, e o pasado 16 de marzo voei dende Lavacolla ata Charles de Gaulle para vivir unha auténtica aventura.

(Chío  previo á saída: https://twitter.com/guidoalvarezp/status/709972900976132096)

Ballancourt, Rennes, Bressuire, Villenave d´Ornon, Le Mans, París, Nantes e Brest. Oito cidades, oito concertos, oito veladas que nunca esquecerei. ¡Que maneira de triunfar polo mundo que ten este gaiteiro! Direino sempre: quen poda, que asista algunha vez a un concerto seu fora das nosas fronteiras… ¡a ver que sinte!

Escoitar a Carlos Núñez en Galicia é unha marabilla… pero escoitalo no estranxeiro e ver como deixa quedar a Galicia polo mundo… non ten prezo. Miles de persoas, miles de emocións, miles de historias en cada lugar.

Fixen un montón de fotos, grabei un montón de vídeos (entre eles dous promocionais de Carlos falando dende o Olympia de París e dende o Brest Arena)… e cando puiden fun escribindo distintas cousas en facebook e en twitter. Quixen ir deixando pegada dunha historia que sabía que ía a ser única. Se queredes botar un ollo non tedes máis que entrar no meu twitter @guidoalvarezp ou no meu perfil de facebook: Guido Álvarez Parga.

Viaxei cuns 12.000 folletos de Mundo Galaico e cun roll-up de “La Galice Celtique de Carlos Núñez” para facer promoción dende un stand en cada concerto. Foi frenético, intenso, por momentos agotador… pero foi o esforzo máis pracenteiro da miña vida.

Imaxe: Primeiro stand promocional de #LaGaliceCeltiqueDeCarlosNúñez, en Ballancourt

Imaxe: Primeiro stand promocional de #LaGaliceCeltiqueDeCarlosNúñez, en Ballancourt

Cada día erguinme sobre as 6h00, para ducharme con calma e almorzar ben antes de comezar as xornadas. As mañás foron o momento dos desprazamentos (os primeiros 4 días en coche de aluguer, os 4 últimos en trens), as tardes o momento da mobilización nas cidades (para distribuír folletos en lugares estratéxicos) e as tardes-noites o momento álxido de cada xornada: montar o stand, repartir folletos nas butacas dos concertos (cando estaba permitido) e logo promocionar a tope no pre-concerto, no concerto, e no post-concerto. Antes de durmir, o tempo de compartir recordos e vivencias a través das redes sociais de Mundo Galaico e das miñas contas persoais.

Coñecín a un montón de xente incrible: fans de Carlos que o seguen polo mundo, parellas que se coñeceron grazas á súa música, galegos incribles que triunfan no estranxeiro, franceses fanáticos de Galicia e das nosas marabillas… en definitiva, o que agardabamos e moito máis.

Foi formidable regresar a lugares queridos como Brest, Rennes, París, Bordeaux ou ó meu Nantes (onde vivín no 2014). Foi fabuloso acompañar por segunda vez a tres artistas de luxo como Carlos, Xurxo e Pancho (e ó seu técnico de son, Roque), e por vez primeira ás fantásticas Celtic Legends. Foi impresionante traballar en lugares como o Zénith Nantes, o Brest Arena, o Liberté de Rennes… ou sobre todo no histórico Olympia de París (fundado no 1888). Foi fantástico moverme pola France en representación dunha marca tan fermosa como é Viajes Mundo Galaico.

Agora é tempo de seguir promovendo pola rede, e agardar que os franceses (e non franceses tamén) respondan para este verán. ¡Non vai ser fácil para xullo! Pois queda pouco. Pero sería xenial que podamos vivir unha boa primeira experiencia, e que os paquetes da Galice Celtique de Carlos non só se vendan para esa data central. Agardamos que os diversos colectivos cos que contactamos se animen a vir en agosto, setembro, outubro, novembro, decembro… calquer momento será bo! O máis importante é que durante este mes Galicia e Mundo Galaico soaron forte nas terras galas… e todos eses novos seguidores (de facebook, de twitter, etc…) xa están comezando a preguntar ¿podedes organizarnos unha viaxe á Ribeira Sacra e ó Lugo romano? ¿podedes organizarnos un paquete para facer o camiño de Santiago con vós? ¿Haberá outra Galice Celtique con Carlos en setembro-outubro?

Para sumar recordos, esta galería de fotos en Flickr: https://flic.kr/s/aHsku692m5