Teramo e o Abruzzo: paseos pola Italia querida

En Galicia Confidencial e GC Tendencias

Teramo é unha pequena capital de provincia italiana. Máis concretamente, unha das do Abruzzo, unha das rexións más auténticas e con maiores contrastes paisaxísticos no país da bota. Onde o cumio máis alto dos Apeninos (Gran Sasso, 2912 metros) e as fermosas praias do Adriático non distan máis de 50 quilómetros.

Duomo de Teramo, Piazza Martiri della Libertà
Duomo de Teramo, Piazza Martiri della Libertà

Teramo foi a primeira cidade estranxeira na que vivín, e a semana pasada regresei por terceira vez dende aquel ano Erasmus 2006/2007. Certo é que pasara por ela no 2009 e no 2013, pero esta vez os astros aliñáronse dun modo distinto e emocionante que desexo compartir.

Por primeira vez regresei con tempo para relaxarme e desfrutar da experiencia, e grazas a un enorme cicerone (Don Miguel Lecce) compartín, co meu pai e cun amigo, unha das mellores experiencias viaxeiras da miña vida. Un itinerario que penso debería ser promovido! E que dende este espazo promovo eu para os lectores do Galicia Confidencial.

Paisaxes do Lazio no percorrido entre Roma e Teramo
Paisaxes do Lazio no percorrido entre Roma e Teramo

O venres 26 voamos dende Santiago (ás 10h30, un moi bo horario) por un prezo de 99 € ida e volta coa compañía Vueling. Chegamos puntuais a Roma Fiumicino (13h15) e cunha boa marxe para coller a nova liña de autobuses que levan directamente dende o aeroporto ata o Abruzzo. Chámase Gaspari e os prezos son convintes (19 € ata Teramo) tendo en conta que evita desprazarse -como se facía antes-  á estación de autobuses de Tiburtina.

Ás 14h15 saímos de Fiumicino e desfrutamos de 2 horas e 45 minutos das formidables paisaxes que fan fronteira entre o Lazio e o Abruzzo. Paisaxe alpino e pobos de fantasía colgados polas pendentes apenínicas… formidable! Puidemos compartir algún vídeo “en vivo” grazas ó bo servizo de wifi do autobús.

E chegamos a Teramo! Cinco da tarde na capital abruzzesa e varias horas por diante para desfrutar. Hospedámonos no Hotel Abruzzi (Viale Giuseppe Mazzini, a 200 metros do centro neurálxico de Teramo) e alí volveremos a próxima vez. Confortable e cun gran servizo! Por 23 € noite (con almorzo incluído).

Unha vez pousado o equipaxe subimos á súa terraza a facer unhas fotos dende a altura, e acto seguido xa saímos para comezar a camiñar. Meu pai e eu fixémoslle unha primeira panorámica ó noso amigo Adrián: Corso di San Giorgio, Piazza Martiri della Libertà, Duomo, o anfiteatro romano… lugares imperdibles! ¿Sabedes que Teramo é un dos asentamentos de poboación máis antigos de Italia? Foi centro principal de asentamento para os Pretuzos e posteriormente conquistada polo cónsul romano Manio Curio Dentato no 290 a.C.

Sete da tarde e vai rematando o noso paseo… dirección: Pizzería Don Miguel! Para min unha das 5 mellores do mundo. Las Cuartetas, Starita, Di Matteo, Sorbillo e Don Miguel son, no mundo da pizza, o que Di Stéfano, Pontoni, Garrincha, Maradona e Messi no mundo do fútbol.

Pizzería Don Miguel, na Piazza Garibaldi de Teramo
Pizzería Don Miguel, na Piazza Garibaldi de Teramo

Alí encontramos ó noso amigo Miguel Lecce, arxentino afincado en Teramo dende hai case 30 anos. Campión do mundo da “Pizza al Taglio”, “Tridente d’oro citta di Trento” e tantas outras distincións avalan a este mestre gastronómico que ben podería exercer a profesión de guía turístico e promotor do turismo abruzzese.

¡Que pizzas para comezar! Margherita di un lato, acciughe (anchoas) dell´altro. Ben acompañado dun bon viño Montepulciano! O orgullo da rexión. Unha cea magnífica na que os clientes (esa noite pasaron por alí dende capocannioniere do Teramo Calcio, ata o vicealcalde ou o bispo…) non pagarían a máis de 6-7 euros por persoa. Don Miguel é a pizza do pobo! Non só un lugar de deleite, senón un lugar de encontro, de risas, e de boa compañía.

De noite demos un gran paseo polo litoral adriático co propio Miguel e logo tomamos unha birra nun dos locais musicais de Roseto degli Abruzzi: “Il Corto Maltese”.

Praia de Roseto degli Abruzzi, no mar Adriático
Praia de Roseto degli Abruzzi, no mar Adriático

Unhas horiñas de descanso para recuperar forzas! Almorzo de primeira no Hotel Abruzzi e comezaría a xornada bomba que nos tiña preparada Miguel. Collemos o coche, paramos a comprar uns bocatas de porchetta (fast food típico da zona) e posteriormente e tomar unha cedrata (deliciosa bebida a base de cedro) nun bar á saída da cidade. Rumbo ó Gran Sasso!

Cedrata e pasteis
Cedrata e pasteis

Subimos nada menos que á famosa localidade de Prati di Tivo (sempre na provincia de Teramo) e a uns 2000 metros de altura puidemos observar a tiro de pedra o mesmísimo Gran Sasso. Formidable! Unhas vistas incribles no Parco Nazionale. E isto sería perfectamente posible facelo cun coche de aluguer. Sen saír do formato low cost desta viaxe!

Alturas do Parco Nazionale Gran Sasso
Alturas do Parco Nazionale Gran Sasso

Para almorzar, no mesmo Prati di Tivo acudimos ó hotel-restaurante Gran Sasso 3. Un establecemento que ben podería encaixar nos Alpes suízos ou en Austria. Alí desfrutamos dunha boa polenta, para seguir así coas especialidades gastronómicas italianas. Non todo é pasta e pizza!

 

Polenta italiana no Hotel Gran Sasso 3 de Prati di Tivo
Polenta italiana no Hotel Gran Sasso 3 de Prati di Tivo

Regresamos a Teramo pola tarde e mentres Miguel traballaba na pizzería seguimos desfrutando dos paseos e do bo café “da Luca” na Via Castello. Pola noite chegaría o peche a estes incribles momentos cunha cea ó lado do mar no restaurante Vecchia Marina de Roseto. Sabor a Adriático. Antipasti fríos e quentes, excelente marisco e pescado, e un formidable servizo. Non en van este local está considerado un dos imprescindibles do litoral oriental italiano!

Recortes de prensa no restaurante Vecchia Marina de Roseto
Recortes de prensa no restaurante Vecchia Marina de Roseto

Hai que ir ó Abruzzo, hai que coñecer esta Italia distinta e auténtica que hoxe en día non aparece nos circuitos clásicos, pero que para os que a coñecemos, sabemos que é unha das mellores. Un turismo de proximidade, familiar e emozionale!