A maxia da música: Carlos Núñez, Nantes, Lugo e Southampton

En Galicia Confidencial e GC Tendencias

É una das miñas anécdotas recentes que máis me gusta contar. Sírveme moitas veces coma comodín nas conversas sobre os potenciais positivos das novas tecnoloxías. Unha historia con Carlos Núñez coma protagonista involuntario, e con Nantes, Lugo e Southampton como referencias xeográficas.

Foto: na Muralla de Lugo

Era febreiro do pasado ano 2014 e eu estaba en Nantes comezando unhas prácticas nunha consultora turística especializada en desenvolvemento sustentable. Xa tivera un amago de conta de twitter nunha ocasión, pero foi nese mes cando abrín con máis decisión unha conta na rede do paxariño. A intención: compartir os artigos de Galicia Confidencial e tamén os que por aquel entonces ía publicar e publiquei no “blog à part” de Evea Tourisme.

Non tiña moi claro que tipo de contidos meter a parte dos propios artigos, pero como naquel entonces tamén comezaba a fedellar no Spotify, algúns dos meus chíos máis recorrentes tiñan por temática a música. Así comezou esta historia. Un día saíndo do traballo chegoume unha notificación avisándome dun novo CD de Carlos Núñez (o Inter-Celtic) dispoñible en Spotify. Puxen os cascos e sumerxinme na música do @gaiteiro, mentres facía a miña clásica camiñata de volta a casa, pegadiño á liña de tram 2, pero a pé. Un percorrido que aínda de cando en vez volvo a facer nos meus soños ¡canto me gustaba! Hótel-Dieu, Commerce, Bretagne, Jean Jaurès, Viarme-Talensac, Poitou, Felix Faure…

Cando cheguei á casa tumbeime a escoitar as cancións que me faltaban, e unha vez rematado, chiara en twitter algo así “Inter-Celtic, a nova xoia do noso @gaiteiro universal”. Cal foi a miña sorpresa cando un rato despois Carlos rechouchiábame e de golpe e porrazo chegábanme uns cantos inesperados followers…

Entre eles apareceu Sonja Davison, hoxe en día unha boísima amiga que teño na Gran Bretaña. Gran apaixoada da música, e moi seguidora do gaiteiro.

DSC01604

Sonja e o seu marido John tiveron curiosidade polo meu chío ó ver que eu estaba vivindo en Nantes. Eles xa tiñan mercados os tickets para un festival celta que tería lugar no Zénith Nantes o 5 de Abril… e querían saber cousas sobre a cidade. ¡Así empezou todo! Fomos falando e falando, compartindo conversas e paixóns, e acabamos coñecéndonos en Nantes naquel comezo de primavera bretoa. ¡Foi unha experiencia formidable! Algo contara uns días despois na columna do Homo Ambulans… (Lugares de memoria: Carlos Núñez e o Zenith Nantes).

Despois do concerto comemos galettes e crêpes, paseamos por Nantes, e quedamos en vernos pronto… ¡así foi! Tres meses despois viñeron á Galiza estes ingleses xeniais. Aparcaron a súa caravana nas Costas do Parque de Lugo, paseamos pola cidade, fixemos excursións á Coruña, a Betanzos, á Mariña Lucense… e pechamos coa guinda do Ortigueira 2014 no que estarían entre outros os mesmísimos Chieftains.

Un ano despois a historia segue, e cada vez con máis alegrías, e é que dentro dun mes chega un novo capítulo con Carlos como protagonista. Será o convidado de luxo nas Chapel Sessions (veladas musicais que organizan entre outros Sonja e John) e tamén no Wickham Music Festival. Dúas oportunidades fabulosas para que o público británico e da zona desfruten da virtuosidade do gaiteiro, e nos que tamén faremos promoción de Galiza como destino turístico. Alí estaremos Homo Ambulans e GC Tendencias para contarvos o que pase por Southampton. O que pode dar de si un chío en twitter!!

Advertisements