Breo-COB: back to the future

En Galicia Confidencial o 19 de Maio do 2015

Os afeccionados ao básquet están de noraboa: agardan dúas semanas fantásticas ás beiras do río Miño. Dúas afeccións, dous clubes, dúas cidades namoradas do balón laranxa dende tempos remotos… Unha final de play-off que quedará na historia.

Nacín en Lugo no ano 1985. Como a maioría, fíxeno nun hospital –concretamente o de Polusa- pero moi pouco tempo despois xa estaría instalado na casa onde medrei e que aínda hoxe segue sendo o centro do meu universo: a esquina da Rolda do Carme coa Rúa de Santiago. Dádesvos conta do que se atopa a uns metros deste curruncho? Eu non me lembro, pero din que a 50 metros do meu portal, no Pavillón Municipal dos Deportes, pasaron algunhas das maiores lendas do baloncesto: Sabonis, Audi Norris, Fernando Martín, Epi, Villacampa, Jimmy Wright, Manel Sánchez…

Así medrei, con tal templo do básquet en fronte da miña casa, e polo que di meu pai, cruzándonos con esas lendas a miúdo, mentres os equipos visitantes daban os seus paseos previos aos partidos polas costas do Parque Rosalía. Eu daquela época só lembro ir ó Municipal a ver calquer partido que alí houbese mentres xogaba cos meus amigos na explanada exterior do propio pavillón.

Máis tarde, xa entrados os 90, chegou a construción do novo e máis moderno espazo deportivo de Lugo: o Pazo dos Deportes. Un novo templo que pronto vai cumprir un cuarto de século, e onde pasei algúns dos mellores momentos da miña vida como xogador afeccionado e como siareiro do Breo. Dende que se inaugurou o Pazo lembro ter comezado a ir con invitacións da escola e convidado por familiares e amigos… pero foi no final da década dos 90 cando me fixen abonado e cando a miña asiduidade incrementou ata o punto de non perderme case ningún partido durante moitos anos.

Osiños de gominola, chaskis, os amigos e a nosa peña Breogüettos (xusto o ano do ascenso), a Peña Breogán, o león mascota… tantas e tantas cousas!! E o COB sempre estivo presente naquela época… Era o rival! Daquelas a coroa do fútbol galego desputábase no Depor-Celta e a do baloncesto no Breogán-COB. Que lembranzas! Un deles, dos mellores, no 1999, na primeira viaxe como siareiro celeste. Lembro perfectamente aqueles buses nos que ata creo ter coincidido co actual adestrador do Breo,Lisardo… Alá fora eu cos colegas, aínda nos primeiros anos da ESO, a desfrutar duns días históricos para o breoganismo. Daquela gañaramos o playoff por 3-1 e logo viría Melilla… uf! Iso si que é pel de pita…

Alí no Paco Paz xogaran os nosos heroes: Kenny Green, James Donaldson, Santi Abad, David Gil, Iker Urreizti, Rod Mason… moitos deles ata foron as miñas contrasinais de windows durante anos, hehe!

Agora veñen dúas semanas desas, tan ou máis emocionantes… un Breo-COB do que sairá un novo equipo ACB! E un regreso á categoría que nos corresponde a ambos equipos. Somos historia pura. Estou seguro de que se Doc nos prestase o Delorean, viaxásemos á época que viaxásemos, por aí andarían lucenses e ourensáns coa pelotiña de basket dando guerra…

Desfrutemos desta festa!

Advertisements