A Mariña Lucense: terras e praias de castrexos e romanos

En Galicia Confidencial e GC Tendencias (versión en galego), e no blog de Artnatura Galicia (versión en castellano + English version)

Na columna do Homo Ambulans case sempre viaxamos a lugares relativamente afastados da terra galega… pero iso agora vai cambiar. De cando en vez imos facer (en colaboración con Artnatura Galicia) un pouco de turismo interno coñecendo lugares da nosa xeografía. Comezamos hoxe mesmo, paseando (coa memoria persoal) pola Mariña Lucense.

Café-Miradoiro de Mondoñedo, finais dos anos 80.

Café-Miradoiro de Mondoñedo, finais dos anos 80.

(Camiños da memoria)

A Mariña Lucense é onde pasei a meirande parte dos veráns da miña infancia. A miña avoa paterna –que emigrou a Bos Aires alá polos anos 20- era de Ribadeo, e a miña avoa materna –á que coñecín e coa que medrei- da Espiñeira, un lugar da parroquia de Vilaronte (concello de Foz, na fermosa desembocadura do río Masma). Por ese motivo, as miñas memorias mariñás remóntanse case ó comezo da miña existencia.  E por esa razón –o ter pasado moitos momentos da infancia alí- a miña visión deste territorio ten matices emotivos e incluso máxicos.

Lembro esas viaxes dende Lugo con paradas clásicas no camiño: Outeiro de Rei, Rábade, Vilalba, Abadín, Mondoñedo, Lourenzá, Celeiro, Santa Cilla… e sobre todo naquel café-miradoiro que había antigamente preto de Mondoñedo. Parabamos case sempre a tomar un café/chocolate e habitualmente tamén un anaco da torta tradicional con cabelo de anxo. Hoxe en día, cando vou con visitas, repito case sempre a xogada pero con parada no centro mindoniense. O Rei das Tartas, un dos primeiros “lugares de memoria”… que mítico!

Logo están as memorias do vivido propiamente na Mariña. Nós sempre quedabamos en Foz -porque era onde tiñamos á maior parte da parentela-, pero as excursións de cada verán eran sempre numerosas: Ribadeo (As Catedrais, Rinlo, Illa Pancha), Barreiros, Burela, Xove, Sargadelos… só por citar as máis frecuentes.

Xa de adolescente foi cando comecei a interesarme máis pola historia das terras dos meus devanceiros, e lembro perfectamente as miñas voltas olímpicas investigando coa bici: a San Martiño de Mondoñedo (onde está a catedral máis antiga da península Ibérica e hoxe tamén o Espazo Caritel), ó Castro de Fazouro, ó Bispo Santo… Neses percorridos, e tamén sendo máis pequeno, sempre gustei de ollar o horizonte imaxinando do outro lado ós galos Astérix e Obélix (e ós seus parentes que segundo parece migraron á Mariña alá polos séculos V e VI), así como ós curmáns irlandeses e outros dos membros da familia céltica europea.

Xa de máis maior foi cando descubrín en maior profundidade os concellos que visitei menos na infancia. Cada ano indo ó 3×3 de basket de Viveiro namórome máis desta fermosísima vila medieval, sobre todo cando subimos cos amigos ó San Roque para ver a ría dende a altura. O Vicedo e Ourol e as súas formidables paisaxes, que desfrutamos sempre de camiño ó festival de Ortigueira; a Maruxaina, cita imprescindible de cada verán en San Cibrao; O Valadouro, e as súas terras cargadas de historia (véxanse os xacementos de Chao da Cruz ou o das Penas do Carballido);   Alfoz e a Finca Galea, A Pontenova e os seus fornos de Vilaoudriz, os castros de Sante e Vidal do concello de Trabada… e tantos outros lugares que de a pouco iremos percorrendo cos próximos artigos do Homo Ambulans.

Castro de Fazouro (concello de Foz), ano 2012.

Castro de Fazouro (concello de Foz), ano 2012.