Un barrio sen reloxo, entre pitas e historia

En Galicia Confidencial e GC Tendencias

No mundo hai lugares repetidos e lugares singulares. Unha metrópole europea sen apenas supermercados (Napoli), un país con máis bicicletas que persoas (Holanda), outro onde o seu presidente camiña practicamente sen escolta (Uruguai), unha cidade onde criaturas mecánicas de fantasía camiñan ás súas anchas (Nantes)… ou unha cidade na que a metros do seu pleno centro, a cen da súa Catedral, existe un barrio 100% rural e apenas modificado durante decenas de séculos, como se o reloxo tivese parado as súas agullas. ¿Onde? No Carme, en Lugo.

2014_12_21_22246

Atravésano a Vía Romana XIX e o Camiño Primitivo a Santiago. A súa porta da muralla é nada menos que a máis antiga. É o berce de San Froilán, o barrio polo que camiñaba nos seus paseos entre a Muralla e o Río Miño. Foi a horta dos bispos lugueses, e hoxe a única ventá ó río dende o muro romano, unha das mellores vistas dende o alto Lucus Augusti. Din que alí cómense as mellores tortillas do oriente galaico, e os seareiros do C.D. Lugo son dos poucos que aínda o atravesan con asiduidade, cada dous domingos, rumbo ó Anxo Carro.

Pero se ben todos estes datos marcan unha fortísima identidade para O Carme, non son eles os que lle dan a este territorio a súa maior marca de singularidade. ¿Qué é entón o que fai que este barrio sexa tan especial e distinto?

Imaxinade que estades dando un paseo por París, por Roma, por Barcelona… imaxinade que saídes camiñando da Sagrada Familia e a tres minutos atopádesvos nun barrio cun aspecto similar a unha pequena parroquia da Terra Chá ou dos Ancares… imaxinade que ó lado da Torre Eiffel ou do Coliseo atopásedes galiñas, coellos, hortas… ¿non parecería fantástico? Pois iso pasa ó lado do centro de Lugo, a 10 metros da Muralla Romana, a 200 metros da rúa dos viños…

Podemos poñernos críticos e dicir que porqué O Carme non está valorizado como debe, claro que si… pero podemos tamén poñernos en positivo e pensar que este é aínda un espazo para soñar, para sacarlle partido ó inmobilismo lugués de antaño, ó que nos regalou a muralla da que hoxe presumimos. Un lugar onde aínda non se fixo ningunha chapuza, onde todo está por inventar.

Eu, de tendencia optimista, sempre tiven ó Carme –que tantas veces camiñei durante a infancia co meu pai- como un dos máis frecuentes escenarios dos meus soños. Nestas pasaxes oníricas case sempre visualizo un futuro no que os lugueses apreciamos máis este lugar mentres que os turistas descobren a maxia deste recuncho verde a carón de tódolos atractivos turísticos intramuros. Un día no que O Carme estará adecentado, embelecido, cheo de artistas de rúa pintando as vistas do Miño e dos pequenos montes que rodean a cidade, e outros, poñéndolle banda sonora cos seus instrumentos e melodías.

Algo así non sería difícil de facer, pero tampouco é cuestión de impoñer ideas. Dependerá da vontade de moitos, en primeiro lugar dos seus habitantes, e dos responsables políticos. Veremos como remata este recuncho formidable varado no tempo, este lugar no que Doc Brown pensaría que o seu Delorean non funciona…

Que mude, que non mude… pero que O Carme siga sendo, por moitos anos, un lugar onde aínda podamos soñar cun mundo mellor.

Imprescindibles do Carme para turistas e locais: Rúa do Carme, Regueiro das Hortas, Igrexa do Carme, Sala de Exposicións Porta Miñá, Praciña do Carme…

Advertisements