A chegada ó turismo da economía colaborativa

Artigo escrito para o “Blog à part” de Evea Tourisme

Vivimos un momento histórico de acentuado individualismo en tantos asuntos. Mellores estradas, voos máis baratos, e sobre todo internet, fannos estar máis comunicados que outrora co resto do planeta… pero seguramente con menos momentos de interacción real que nunca. O atractivo do mundo virtual, un mundo a medida do usuario, afastounos en certa medida do mundo real… por agora.

¿Por que só por agora? Os cambios nas sociedades son constantes. Nada ou case nada é eterno, e a consciencia do perigo de pecharse nunha vida virtual, cada vez é maior nas persoas. A propia web e as redes sociais invítannos a darnos conta coas cheas de artigos e reflexións compartidas ao longo e ancho do planeta. Bares que amosan carteis con mensaxes do tipo “non temos wifi, falen entre vostedes” ou numerosas sátiras sobre a adicción á tecnoloxía advírtennos e fannos reflexionar. Non camiñamos cara a un precipicio, as solucións están aí, diante dos nosos ollos.

Os exemplos son variados, algúns sen necesidade de pensar en innovación, simplemente levando a cabo prácticas solidarias, humanas e lóxicas que existiron en todas as épocas pero que en determinados momentos, confundidos por bonanzas económicas individuais e pasaxeiras (pero que nas mentes dalgúns eran eternas), deixaron de ter a súa vixencia natural: compartir vehículo, compartir terra de cultivo, intercambiar produtos sen intermediarios, ou mismamente deixar pagado un café no bar por si vén alguén que o necesita (o famoso café pendente napolitano).

Estes fundamentos de vida colectiva, presentes en todas as épocas, recupéranse agora máis que nunca, tanto para contrarrestar o individualismo da vida moderna, como para paliar os danos das crises económicas que tantos países viven na actualidade.

Unha vez máis o turismo non é unha excepción nesta tendencia global de economía colaborativa ou consumo colaborativo. Aloxamento, restauración, desprazamentos, servizos turísticos… o sector en xeral recoñece estas novas prácticas cada día máis frecuentes na actividade viaxeira, e os establecementos tradicionais tamén se reinventan para adaptarse á nova realidade e non sufrir nos seus negocios.

Aloxamento: o colchón tamén se comparte. Intercambio de residencias, cesión temporal dun sofá ou permiso de acampada no xardín de casa, son algúns dos exemplos máis coñecidos. Couchsurfing (o famoso portal web que dinamizou o concepto de sofás compartidos), HomeForHome (web para o intercambio temporal de vivenda) e Gamping.com (acampa no meu xardín), son tres referencias fixas para os adeptos ao turismo colaborativo. O modelo baséase principalmente na confianza mutua, no aforro, e, salvo no caso de HomeForHome (onde os usuarios non comparten espazo en ningún momento), no pracer de compartir charla e intercambio entre anfitrións e visitantes.

Restauración/gastronomía: existen redes como LiveMyFood ou SuperMarmite que permiten crear un perfil para ofrecer e compartir experiencias culinarias. O concepto baséase no intercambio de cultura gastronómica, pero non só na mesa, senón tamén ás veces na compra dos ingredientes (visitando mercados locais, por exemplo), na cociña, e en todo o proceso de creación e deseño dos pratos. Un pracer para o estómago en simultaneidade cunha experiencia completa de apertura de espírito, hospitalidade, humanidade e multiculturalidade. Unha demostración de que a gastronomía é un dos xeitos máis apropiados de compartir, ensinar e descubrir outras culturas.

Desprazamento: probablemente esta sexa a máis popular de todas as experiencias de turismo colaborativo, e é que compartir vehículo é algo cada vez máis común non só para os desprazamentos de pracer, senón tamén para os desprazamentos diarios e obligatorios como os traxectos de casa ao traballo. BlablacarCarpooling ou Compartir.org son algunhas das redes máis coñecidas, e nelas ofrécense desde desprazamentos curtos (10-15 km) ata grandes traxectos de miles de km nos que ata pode chegar a haber unha ou máis pernoitas. Non só se ofrecen viaxes en coche, senón noutros medios privados (furgonetas, caravanas, camións) e tamén públicos (especialmente billetes de grupo para trens e autobuses).

Servizos turísticos/experiencias en destino: en efecto podemos falar de servizos turísticos, pero en realidade máis que iso, a idea fundaméntase en substituir ao servizo (entendido como algo retribuido) por unha experiencia de intercambio na que os actores son tanto o local como o viaxeiro. O local ofrece polo xeral charla, guía, compañía, coñecementos e asesoramento sobre o lugar, e o visitante responde pola súa banda traéndolle ao local a súa vida e as súas historias, que permiten que o anfitrión viaxe mentalmente e empápese de cheas de culturas do planeta… tantas como visitantes reciba e acompañe. A mesma rede Couchsurfing ofrece este intercambio de experiencias a través dos seus grupos (onde se organizan todo tipo de encontros, algúns temáticos e outros simplemente de charla) ou de xeito privado entre usuarios (enviando mensaxes ou peticións de encontro). Para aqueles que non dispoñen ou non desexan recibir visitantes en casa, a plataforma ofrece a posibilidade de que os usuarios propoñan “café ou bebida” ás visitas.

Ademais destas opcións existen moitas outras ferramentas virtuais que facilitan a economía colaborativa e que poden ser aplicadas ao turismo. Por exemplo: as redes sociais deseñadas para compartir actividades (deportivas, de paseo, de lecer nocturno, e de todo aquilo que poida ocorrérsenos) en distintas cidades (en Francia destaca OnVaSortir), o HelpExchange (axuda para realizar distintos tipos de tarefas), ou o Woofing (traballo en granxas a cambio de aloxamento).

Con toda esta gama de propostas, poderiamos dicir que o turismo colaborativo goza dunha boa saúde e de moito futuro… aínda así, non todo é de cor de rosa e os propios usuarios preveñen sobre os riscos que apareceron paralelamente ao crecemento do número de turistas “colaborativos”. A ausencia do espírito correcto e a perversión do concepto en busca do lucro, son algunhas das maiores ameazas: en xeral é rara a ocasión na que sucede o primeiro (xa que quen se involucra nestas actividades adoita ter unha mentalidade adecuada), pero lamentablemente o  aproveitamento deste tirón para lucrarse si fixo acto de presenza en moitas ocasións (implicando ademais nese caso unha competencia desleal ás actividades turísticas reguladas). Por exemplo, con xente que pretende cobrar pola cama ou as degustacións, ou por exemplo, con xente que en lugar de cobrar a gasolina da viaxe, pretende montarse o seu propio servizo de taxi irregular. En calquera caso, aínda que conveña estar prevido ante estas posibles incidencias, estas problemáticas non empañan o bo desempeño e o crecemento destes modelos éticos que perseguen un mundo mellor. Prácticas cun maior intercambio interpersonal e tamén unha mellor actitude de respecto ao medio ambiente, fundamentándose na redución do consumo e paralelamente na disminución do impacto ambiental das accións realizadas durante as viaxes.

As empresas turísticas tradicionais (hoteis, restaurantes, axencias, turoperadores) adáptanse ao novo contexto, celebrando o crecemento implícito da actividade turística (o turismo colaborativo alenta a que a mocidade afágase a viaxar), reformulando a súa oferta sabendo que o turista que aforra cartos nunha parte da súa viaxe quizais o investirá noutra, e sobre todo sabendo que o comportamento e as necesidades dos viaxeiros non son sempre as mesmas e a liberdade dos establecementos clásicos por agora non ten data de caducidade. Co turismo colaborativo a vitoria é de todos.

Advertisements