Paseos pola Bretaña: últimos pasos

En Galicia Confidencial e GC Tendencias

Cando cheguei a Nantes decidín comezar esta serie de artigos sobre a Bretaña co fin de achegarlle aos lectores de GC Tendencias esta apaixonante terra que me namorou cando fixen a miña primeira viaxe de Interrail -con 18 anos- ou incluso antes (isto explicareino logo). Hoxe, catro capítulos despois, remata –ou descansa- esta serie de paseos por territorio bretón.

Sans titre

Penso que a primeira vez que ouvín falar da Bretaña foi sendo moi pequeno, pero moi moi pequeno, cando xogaba coas miñas amigas Antía e Gaëlle. Fillas duns amigos dos meus pais (unha galega e un bretón) que cos seus nomes e a súa historia familiar xa amosan que a fraternidade dos pobos atlánticos non é só literatura. Logo serían sobre todo a música (primeiro cos típicos recopilatorios celtas), aquel Interrail iniciático, e a convivencia con dúas bretoas nos meus anos de estudo na Coruña (a todo isto unha delas, de Quimper, comezou unha relación afectiva cun dos meus amigos,de Lugo… ata hoxe) ¡Unhas cantas soirées de crêpes na Rolda de Outeiro e na Avenida Gran Canaria!

Despois de todo aquilo, sempre quixen vivir algunha vez na Bretaña. Chegoume a oportunidade cando, despois de tres anos traballando en Santiago, apareceu a posibilidade de marchar cun programa de estudos (Maclands) para realizar durante dous anos un máster en Paisaxes Culturais. Para o cuarto semestre dábannos a posibilidade de buscar prácticas profesionais nun dos tres países do consorcio (Francia, Italia e Alemaña) e non dubidei en centrar os meus esforzos procurando fortuna nesta terra estimada.

Cheguei a Nantes en febreiro e comezou unha relación amorosa e romántica que aínda non chegou ao seu fin. Vivín antes nunhas cantas cidades, pero por h ou por b nunca me sentira tan rapidamente integrado na paisaxe coma aquí. Digo moitas veces que tiven numerosas amantes (Nápoles seguramente a máis fogosa), pero que é en Nantes onde atopei a miña moza. Pode ser que polo momento persoal no que vin –seguramente máis maduro que nos outros sitios anteriores-, pero non teño dúbida que tamén influído por eses lazos culturais e emotivos entre a Galiza e a Bretaña.

Na presentación da campaña de turismo “Lugo Terra” escoitáralle a Luis Tosar dicir que gardamos os lugueses moito tempo o segredo da marabilla que temos, e que era hora de compartilo. Eu –a risco de aumentar a competencia- decídome a facer iso agora con Nantes, unha cidade onde penso que non só eu, senón calquera galego, sentiríase na casa. Para vir de turismo ou para vivir, para vir como estudante ou para traballar. É unha cidade que atrapa, unha cidade quente –xa o dixo Carlos Núñez no seu concerto no Zenith en abril-, unha cidade que André Bretón describiu nada menos que así:

“Nantes, quizais xunto con París a única cidade de Francia onde teño a impresión de que pode sucederme calquera cousa que vale a pena. Onde certas miradas queiman por elas mesmas de tanto lume, onde para min a cadencia da vida non é a mesma que noutros sitios, onde un espírito de aventura máis alá das aventuras habita aínda certos seres. Nantes, de onde aínda poden virme amigos”.

É un centro cultural e de vida, unha ponte entre a identidade bretoa intensa do Finistère e a multiculturalidade de París. Un lugar para respirar, e inspirador de moitas cousas boas para imitar. En Nantes a vida non corre coma un coche deportivo, non agobia como certos recunchos do mundo dominados polo consumismo… en Nantes a vida vai a 40-50 km/h (a velocidade dos seus tranvías), camiña, osixénase co seu verde, fantasea –como as Máquinas da Illa que homenaxean o máis célebre nantés, Jules Verne-, e cree nun mundo mellor –aínda que a realidade poida espertala como nos esperta a todos, pero iso é inevitable-.

Vale a pena vir a Nantes, vale a pena ir á xa mencionada Rennes e ó xa mencionado Finistère… e a tantos outros lugares dos que –por motivos xeográficos – non incluín nos outros artigos: a vila medieval de Guerande (a tan só 79 km de Nantes), o litoral veciño (Batz-sur-mer, La Baule, Pornic, Sainte-Marie-sur-Mer, Le Pouliguen, etc), as outras cidades (Vannes, Saint-Malo, Saint-Brieuc, Lorient, Dinan, Lannion), a case-illa de Quiberon, os pequenos pobos como Cancale, por suposto os aliñamentos de Carnac… vale a pena visitar esta pequena pero grande terra na que un galego síntese tan comprendido. Agora tócame coller as maletas (transládome a Bordeaux), pero non teño dúbida de que, tarde ou cedo, o Homo ambulans volverá á Bretaña…

Advertisements