Paseos pola Bretaña: o Finistère

Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/nova/19133.html GC Tendencias http://tendencias.galiciaconfidencial.com/nova/19133.html

Despois de dous centros históricos, económicos e culturais coma Nantes e Rennes, pasamos a outra parte fundamental para entender a identidade e o sentimento bretón. É o nome do departamento 29 francés, pero o seu significado vai máis alá dese feito anecdótico. Esta parte da Bretaña leva o nome dese trazo común que comparten todas as nacións celtas: ser territorios onde a terra ten punto final, onde nunha época os europeos pensaban que remataba o mundo. Gales, Irlanda, Escocia, Cornualles, Illa de Man, Galiza, Bretaña… todas elas fan fronteira co mar polo oeste, todas miran á América dende os seus Finistères.

Hai algo que sempre chamoume moito a atención na Bretaña, algo relativo ó seu orgullo como pobo. Creo que en ningún país nin rexión vin tantas bandeiras coma aquí. Nin na Arxentina, nin en Grecia, nin en Gales, nin en Catalunya, nin na Galiza, nin en Euskadi… pese a ser todos eles territorios onde hai un sentimento de arraigo e orgullo moi profundo. Coido que de todos os pobos que coñecín in situ é o bretón o que máis expresa a súa identidade coa súa bandeira… e sobre todo no Finistère. De todas as partes da rexión é nesta occidental onde este trazo é máis marcado… ¡está cheo de bandeiras brancas e negras!

O marketing bretón (similar ó noso coas camisetas do Rei Zentolo/Caramuxo/etc, as Estrellas Galicia, as Galipizzas, os vídeos de Gadis…) tamén goza de moi boa saúde. E o seu grao de visibilidade e notoriedade é tamén maior no Finistère que no resto. Están moi presentes polas rúas as camisetas humorísticas e reivindicativas, as bebidas nacionais (no seu caso a Breizh Cola) e souvenirs varios: polo visto este sentimento de pertenza e o pracer de promocionar o propio é outra das semellanzas que une a galegos e bretóns. ¡Entendémonos! 

Brest é un bo punto de partida para comezar unha aventura polo cabo do mundo galo. Esta cidade portuaria, irmá da Coruña, é a urbe máis fisterrá de todas, e fundamental para entender a historia bretoa. Foi lugar de asentamento dende épocas prehistóricas e sempre un punto de referencia para os mariñeiros atlánticos. Tal é así que algunha vez téñenme dito que no 23-F houbo galegos que meditaban a posibilidade de navegar ata alí en caso de apuro. Ademais da paisaxe da ría, o arsenal e os portos, un dos lugares máis carismáticos que atoparemos na jolie (así lle cantan os Marins d´Iroise) será un castelo –o monumento máis antigo da cidade- que despois de dezasete séculos segue vixiando a ría. Antes de irse valería a pena degustar un dos pratos máis típicos (sen necesidade de gastar moito): moules-frites, mexilóns con patacas fritas, que en lugares como Tour du Monde poderemos probar (olla enteira de mexilóns e unha boa cunca de patacas) por 10-12 euros.

 Un pouco máis ó sur e ó interior atoparemos á capital do departamento, Quimper (en bretón Kemper), que é tamén irmá doutra cidade galega: Ourense. Ten un importante museo de Belas Artes, unha fermosísima catedral gótica (Saint-Corentin) pero sobre todo moitas crêperies. Si, xa sabemos que a Bretaña enteira é famosa polas súas crêpes e galettes (como a saucisse de Rennes da que falamos fai pouco), pero é que esta é para moitos a capital deste prato tan aprezado no mundo enteiro. Non por nada en tantas cidades francesas atoparemos que a palabra Quimper forma parte dos nomes de moitos negocios gastronómicos adicados a este manxar. No descanso entre unha de chocolate e outra de caramel au beurre salé (caramelo á manteiga salgada) poderemos aproveitar para pasear polo centro histórico da cidade –tan característico e con tanta personalidade bretoa- e facer algo de deporte subindo pola promenade du Mont Fugy, algo que ademais permitiranos obter unha magnífica vista panorámica da vila dende as alturas.

 Por descontado as paisaxes marítimas do Finistère son algo a non perder. Le Conquet (un dos dous cabos fisterrás) é un bo lugar de partida para moverse por un litoral cun aspecto a miúdo máxico, abrupto e salvaxe coma tantos lugares da costa galega. Concarneau (vila medieval, un dos sitios turísticos máis visitados da Bretaña), Pointe du Raz (oficialmente o punto continental máis occidental de Francia), ou o Parque Nacional de Armorique, son outros deses lugares para namorarse da Bretaña, sen esquecer ademais o encanto de que nestas costas graníticas e lugares cargados de historia, é onde a día de hoxe se fala máis bretón de toda a rexión. Visitar o Finistère é, unha vez máis, darnos conta de que pasear pola Bretaña non é sair da Galiza… senón ver como segue.