Lugo quere tren, Lugo non pode calar: basta xa

Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/nova/19015.html

Fai un ano que colaboro para Galicia Confidencial e por agora nunca me animara a escribir un artigo exclusivamente reivindicativo. Escribín sobre patrimonios galegos, sobre turismo, sobre viaxes, sobre algúns festivais e concertos e sobre tendencias en xeral, cun sempre presente romanticismo e optimismo que creo moi necesario para desfrutar desta vida na que estamos. Sen embargo onte leveime tal quentura lendo a nova sobre a estación do tren en Lugo, que non podo calar.

O Progreso titúlao “Pastor parchea a estación de Lugo, sen descartar a intermodal ‘a longo prazo’”. O resto, unha serie de xogos verbais e escusas baratas que na cidade amurallada xa fai boa que nos sentan como unha patada no fígado cada vez que lemos a prensa falando de infraestruturas. Non pode ser, e a min gustaríame que a miña xeración sexa a última que acepte isto como algo normal.

As prioridades, as prioridades… ¿canto vai durar isto con Lugo? ¿Quén pode crer xa ese chiste? ¿De que prioridades falan? Non é a primeira, nin a segunda, nin a terceira… son xa infinitas as ocasións nas que o maltrato a Lugo é esaxerado por parte das administracións estatal e autonómica.

Pasou no 2000 coa Muralla, pasa agora coa Ribeira Sacra… hai determinados momentos, moi puntuais, para os que ¡oh! os políticos de todas as cores lémbranse de Lugo: ¡As Catedrais é nomeada por TripAdvisor como a sexta praia máis bonita do mundo! ¡Muralla de Lugo patrimonio da humanidade! ¡Ribeira Sacra patrimonio da humanidade! ¡Ancares patrimonio da humanidade! ¡Viva Lugo! Aí non falta nin un. ¿Pero quen defende a Lugo? ¿Quen loita de verdade por poñer os medios para que a provincia de Lugo desenvólvase en correspondencia ó que esta apórtalle –e canto máis que podería aportarlle se houbese o ollo necesario- a Galiza e a España a nivel patrimonial, histórico e turístico? ¿Cal é o monumento máis representativo da historia galega e que sen embargo as veces nin aparece nos vídeos promocionais do turismo da comunidade? ¿Cal é a cidade que baixo o seu chán garda máis pegadas da nosa historia como pobo? Galiza, un país cun enorme potencial como destino de turismo cultural e histórico… ¿Qué faría sen Lugo e a súa provincia? ¿De que prioridades falamos?

Son o primeiro defensor do resto de patrimonios galegos, da promoción do camiño, das rías, do termalismo… ¡está todo ben! Pero ¿quén se lembra de nós? Claro, logo dirase que son reivindicacións localistas, como se as das outras cidades fosen polo ben de todos… de todos si, claro, ¡pero nunca nos toca ós lugueses! ¿Así quen o vai crer máis? ¿Quén vai querer sentirse parte de algo común cando si o noso voo chega a Lavacolla despois das 8 da tarde quedamos alí colgados sen medio de transporte público para irnos a casa?

Falan de 106 pasaxeiros ó día na estación de tren de Lugo. Cidades coma Girona ou Tarragona roldan os 8000 pasaxeiros. Santiago os 5000. ¿Pode ser que aos lugueses non nos guste o tren? ¿Será que nos xenes castrexos e romanos quedounos un gusto por ir a pé ou a cabalo? ¿Cómo pode ser que nunha cidade da mesma dimensión poboacional que as outras tres haxa tanta diferenza de persoas que viaxan en tren? ¿Qué conto queren contarnos?

Insisto, ¡non é localismo! Toda Galiza é unha beleza e temos unha historia preciosa que amosar… ¡pero como esquecer Lugo, por favor! A provincia con máis elementos nomeados e candidatos a Patrimonio da Humanidade, a provincia con máis reservas da Biosfera UNESCO… non queremos competir, non é que sexamos máis… simplemente queremos ser iguais. Por favor.