Slow Food, Slow Fashion, Slow City, Slow Tourism

“Blog à part” – EVEA Tourisme: revisión semanal da actualidade (a 25 de Abril)

Slow Food

O pasado luns o diario El País publicaba un artigo sobre o 25 aniversario do movemento Slow Food, unha alternativa no xeito de consumir alimentos que, en contraste ao frenesí da vida moderna levado á cociña, propón unha maior preservación das culturas culinarias tradicionais e rexionais, e sobre todo un maior investimento de tempo no goce e pracer de alimentarse.

Este movemento culinario non está illado doutros sectores: a moda (Slow Fashion), a planificación das cidades (CittàSlow), a arte (Slow Art), a ciencia (Slow Science), a educación (Slow Education), a igrexa (Slow Church), a fotografía (Slow Photography), a xardinería (Slow Gardening), os medios de comunicación (Slow Media), a tecnoloxía (Slow Technology), e como non, o turismo (Slow Tourism), tamén amosan exemplos da influencia deste movemento global que algúns xa alcumaron como “movemento lento”.

Parece pertinente pensar que na orixe deste movemento algo terían que ver -como provocadores dun sentimento crítico- os novos hábitos adquiridos pola humanidade desde a revolución industrial e posteriormente coa revolución tecnolóxica. Aínda que os hábitos “lentos” en si non supoñan un feito novedoso, si o é a tendencia global a recuperar (con evolucións e desenvolvementos) algúns bos costumes que outrora parecían máis comúns.

En canto á orixe do término Slow Movement si existe un acordo en que isto comezou en Italia a mediados dos anos 80, cando na Piazza de Spagna de Roma manifestábanse en contra da apertura dun establecemento de comida rápida. Naquel momento din que naceu Slow Food. Esas reivindicacións italianas foron a raíz desta tendencia que trata de contrarrestar o sometimiento ao desenfreo moderno. Así, da “comida lenta” pasou a falarse da “moda lenta”, o “turismo lento” e todos estes movementos slow que promoven o investimento de unidades de tempo para cada acción vital, pero sobre todo para aquelas actividades nas que o pracer é -ou debería ser- un fundamento.

O Slow Tourism

O turismo -unha das actividades de pracer humano por excelencia- no seu carácter de sector paraugas engloba dentro de si a varios dos movementos slow, que en certo xeito son columnas dese novo modelo turístico e fillo do movemento lento: o Slow Tourism.

Viaxar lentamente significa planificar menos, dar espazo á improvisación, deixar que as cousas sucedan. Priorizar o fondo sobre a forma. Viaxar lentamente é darse tempo a observar, a conversar, a investigar sobre o que vemos cando viaxamos. Priorizar a calidade sobre a cantidade. Integrarse co espazo visitado, coñecer a algunhas persoas da localidade, darnos un momento para saborear os pratos típicos do lugar. E sobre todo, non mirar nunca o reloxo.

Si miramos á arte, o Movemento Slow dirá que esta debe ser apreciada en si mesma por encima do tamaño, a cantidade ou a rapidez da creación. E se isto trasladámolo ao turismo, a liña sería a mesma: non importa canto visitemos, senón as repercusións que o acto viaxeiro deixe no noso interior. E algo tan importante non pode facerse con présa.

Unha experiencia de turismo lento pode incluír a degustación de pratos locais en restaurantes que elaboren os seus menús “a lume lento”, o desplazamento a pé ou en bicicleta, a visita a mercados onde a moda ou a artesanía sexan elaboradas a man por pequenos emprendedores locais (favorecendo así á comunidade que visitamos), elixindo a aqueles que traballen en condicións éticas, a base de materias primas sustentables ou produtos reciclados, seleccionando pezas de calidade que vaian durar máis tempo, ou non facer transcender nas nosas compras ás tendencias e modas. Fotografar menos veces pero elixindo e tomándose máis tempo para cada instantánea (máis amodo e nun maior diálogo cos útiles fotográficos), explorar as tradicións das comunidades locais, tomarse tempo para escribir e tomar apuntes sobre o que vemos, meditar sobre os sentimentos vividos con cada experiencia, ou nunha palabra, gozar da viaxe dun xeito relaxado e en comuñón coa contorna que nos rodea.

Cada semana na nosa revisión de noticias atopamos moitos exemplos que seguen as directrices do modelo Slow e algúns exemplos de iniciativas que directamente adhírense a esta filosofía. Nesta ocasión, e para abreviar, aconsellarémosvos algunhas ligazóns onde poderedes atopar exemplos destas prácticas:  Slowtraveleurope.eu (unha iniciativa da revista Hidden Europe para promover o espírito da viaxe lenta), Slowmovement.com (un proveedor de información e oportunidades de viaxes lentas) ou Slow-tourism.net, un proxecto italo-esloveno no que participan 30 socios de distintas áreas (axencias de desenvolvemento local, provincias, concellos, parques naturais, universidades, empresas de marketing turístico, etc.) que valoriza e promove prácticas de turismo lento en Italia e Eslovenia.

Advertisements