Paseos pola Bretaña: Rennes e a galette saucisse

Sin título

Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/nova/18615.html e GC Tendencias http://tendencias.galiciaconfidencial.com/nova/18615.html

É a irmá bretoa de Santiago de Compostela. Actual capital da Bretaña. Un dos centros universitarios franceses. Unha das cidades máis pequenas do mundo con liña de metro. Alberga cada sábado o segundo mercado máis grande de Francia. E alí cómese algo moi especial: a galette saucisse.

Parece que é difícil escribir calquer artigo sobre a Bretaña sen facer esa referencia á irmandade coa Galiza. Fixémolo no primeiro artigo sobre Nantes e volvemos facelo agora con Rennes. E é que se un visita calquer pobo ou cidade bretoa, case sen querelo, atopará un montón de cousas que farán pensar nese parentesco.

Rennes é un exemplo onde resulta especialmente fácil e evidente acudir a esta relación. Dende o 2010 está irmanada con Santiago de Compostela (a súa homóloga galega en tanto que actual capital administrativa dun territorio celta) e nela sempre houbo afinidade coa Galiza: convenios universitarios (hai moita investigación e traballo en común), intercambios de estudantes (dende escolas como a de Porto do Son, ata o programa Erasmus), festivais e macroconcertos con presenza galega (como o de Carlos Nuñez no Stade), lingua e cultura galega ofertada nos seus plans de estudo… por non seguir falando das semellanzas materiais, inmateriais, físicas e psicolóxicas que un atopa rapidamente cando fai a visita in situ.

Cando falabamos de Nantes viamos esa semellanza por momentos con Santiago, pero certamente en Rennes este parecido é aínda máis notable debido á personalidade e carácter da cidade: como Santiago, é un centro administrativo e cultural, tamén universitario, alternativo, xuvenil, turístico, e un enclave de ocio nocturno. Quizais unha diferenza: en Santiago existen rúas para sedentos (a do Franco, a da Raíña, a de Entremuros…) pero non o atrevemento para poñerlle o nome literal de maneira oficial, algo que si sucede en Rennes: a Rue de la Soif (Rúa da Sede), que é unha das rúas máis famosas de Francia para tomarse unha sidra, un viño ou unha cervexa. Uns pouco máis de 50 metros de concentración de tascas e bares típicos de paso inevitable para os que queiran coñecer a personalidade dos rennais fora dos encadramentos.

¿E qué debemos visitar en Rennes ademais da Rue de la Soif? Como en tantas outras cidades antigas, sería adecuado comezar polo centro histórico -moi vivo nesta cidade, e que concentra a meirande parte da vida cultural e social-  seguindo, por exemplo, o plan que nos ofrecerán se imos a Oficina de Turismo. No plano oficial do concello veremos marcado un percorrido que pasa por case todas as principais atraccións patrimoniais: o Parlamento Bretón (do S.XVII), a catedral de Saint Pierre (unha das 9 catedrais históricas da Bretaña), a Plaza do Concello, a Ópera de Rennes, as portas Mordelaises, a basílica de Saint-Sauveur ou o Teatro Nacional da Bretaña. Ademais, vale a pena camiñar con calma polo casco vello (Rue du Champ-Jacquet, Rue du Chapitre, Rue Saint-Georges e outras)  observando a arquitectura tradicional, ou dándose un momento para tomar un café ou unha Breizh Cola nalgunha terraza da Plaza Sainte-Anne.

Se queremos saír do clásico percorrido monumental, atoparemos numerosos espazos de recreación e desfrute da natureza, xa que Rennes é, como tantas outras cidades francesas, moi verde. Algúns dos espazos destacados son o parque Obertür (xardín botánico de 3 hectáreas) cunha grande diversidade vexetal e animal (patos, tartarugas, coellos, esquíos e mesmo nutrias) ou o parque do Thabor, 10 hectáreas onde se mesturan xardín francés e inglés en pleno centro da cidade.

Se temos a sorte de visitar Rennes nun sábado, parece obrigada a visita ó mercado de Licés, un dos tres mercados máis grandes de Francia, onde agricultores, floricultores, artesáns, pescadores e comerciantes procedentes de toda a Bretaña (e máis alá) ofrecen unha infinidade de produtos –principalmente locais- de gran calidade. É un lugar excelente para desgustar as famosas ostras bretoas, algún embutido típico como a andouille ou o boudin, peras e mazás, chocolates, queixos… e sobre todo algo moi especial: a galette saucisse.

A galette saucisse, o mito rennais

Todos coñecemos que un dos segredos máis antigos dos bretóns reside na misteriosa receita do druida Panoramix, que no seu momento fixo de Asterix, Obelix e compañía, os maiores resistentes (xunto cos castrexos, claro) ó imperio romano. Pero cando chegamos a Rennes, pouco a pouco descubrimos que quizáis non era esta a única chave máxica da súa resistencia. En Rennes hai outra receita máxica, chámase galette-saucisse, que traducido ó galego viría a ser unha salchicha –típica da zona- envolta por unha masa fina (tipo crêpe ou filloa, pero elaborada obrigatoriamente con trigo negro) e aderezada cun pouco de mostaza.

Parece sinxelo, pero non o é. Como algúns outros pratos tradicionais ten a súa mística, e como foráneos nunca poderemos máis que tentar achegarnos lonxanamente ó significado que a inxesta deste manxar ten para os rennais. Como para os galegos o polbo á feira, como para os napolitanos a pizza marinara ou para os arxentinos un asado. Non pode explicarse con palabras.

Explicándoo así pode parecer esaxerado, pero basta con achegarse á cultura popular para observar as manifestacións relativas a esta especialidade gastronómica. A SGSB (Asociación de Salvaguarda da Galette-Saucisse Bretonne) encárgase da súa defensa oficial (incluso cuns estatutos que inclúen normas como non comer nunca unha que pese menos de 120 g ou non pagala a máis de 2 €). Pero é na literatura (por exemplo a través de Dorothée Letessier ou Richard Deutsch), na música (con Jacky and The Freepix Revolution ou Les Glochos) e sobre todo no cancioneiro futbolístico, onde máis pode aprezarse esta paixón. Por iso, se queremos unha experiencia 5 estrelas, o momento ideal para visitar Rennes será un sábado no que o equipo xogue na casa, para así ir ó Stade e escoitar: «Galette-saucisse, je t’aime! / J’en mangerai des kilos (et des kilos!) / Dans tout l’Ille-et-Vilaine / Avec du lait ribot!» ou o que é o mesmo «Galette-saucisse, quérote! / Eu comería kilos (e máis kilos!) / En toda a Ille-et-Vilaine / Co leite bretón!». De seguro vaise cantar este 3 de maio en Saint-Denis, no derbi bretón contra Guingamp na final de Copa de Francia!