O festival de Ortigueira, a madurez do mundo celta

http://tendencias.galiciaconfidencial.com/nova/15125.html

Grande Ortigueira. Con sol, con choiva, con crise, sen crise… nunca falla nin decepciona. E cada vez máis xeracións engaden ó seu imaxinario e ás súas lembranzas máis prezadas este festival que dende 1978 enorgullece -cada vez máis- a todos os galegos.

Quedaron atrás os anos máis multitudinarios (nos que se roldaban os 100.000 visitantes), pero a baixada de asistentes non levou consigo ningunha outra perda significativa. Contrariamente, a organización vai traendo cousas positivas e recuperando valores que se perderan nos anos de maior éxito en cifras de espectadores.

A acampada segue a ser un espazo máxico onde o espírito humano e a natureza se fusionan nun modo que serviría de exemplo a modo didáctico para moitos. Os concertos manteñen o seu nivel de sempre, e as tradicións e a comunidade cultural dos países celtas poden seguir sorrindo grazas a este evento  tan útil para a súa valorización e preservación.

Coma sempre, segue chegando xente de todos os recunchos do planeta. É máis, cada ano obsérvase maior variedade nas procedencias. O boca a boca, as redes sociais e os galegos polo mundo (Erasmus, emigración, etc…) fan o seu efecto. Os celtas (irlandeses, escoceses, galeses, córnicos, maneses, bretones, asturianos…) e as súas diásporas (arxentinos, uruguaios, canadienses, mexicanos, cubanos, brasileiros, australianos…) seguen dicindo presente con moita forza.

Birimbao, Kan, Guidewires, Riobó, Boc, Ruaille Buaille, Folk on Crest, Guezos, Os Cempés, Bagad Kemper, Banda Crebinsky, Dominic Graham School of Irish Dance, Dán, Gwendal, os xaponeses Harmonica Creams… algúns súmanse e outros consolídanse nas memorias e na historia das melodías, soños e momentos que nacen cada mes de xullo nesa ría que cando menos unha vez maravillou a Jose Luis Sampedro antes da súa marcha.

Sin título