Turismo emozionale no Cilento Italiano

http://tendencias.galiciaconfidencial.com/nova/14872.html

Turismo emocional. Curioso concepto que comeza a escoitarse polo mundo adiante. ¿Qué será? ¿Qué tipo de emocións leva consigo este novo xénero de viaxes? ¿É algo novo, ou só algo que existía pero non tiña nome? ¿Cal é o seu antónimo?

Ás veces as definicións non conseguen facer entender os conceptos tanto como os exemplos… por iso imos coller o petate rumbo ó sur de Italia (concretamente a onde comeza o empeine da bota) para tratar de descifrar esta tremenda incógnita que se nos presenta.

Antes de nada, o primeiro que debemos facer e tratar de borrar da nosa cabeza todas aquelas cousas que se nos veñen á mente cando pensamos no turismo clásico. Nada de “hai que ver isto, isto e isto” ou  “temos que sacarnos unha foto en tal sitio”. Nada de lista de monumentos ou cousas que mercar de recordo. O modo de prepararnos mentalmente para esta viaxe é moito máis sinxelo e menos estresante que iso. Por un momento imos esquecer os quilómetros de distancia que percorreremos, e pensaremos que imos a un pobo veciño da nosa comarca. Un pobo onde falan outro idioma, onde cociñan diferente, onde bailan de maneira diferente… Se queremos poñernos creativos co noso pobo imaxinario chamémoslle Allarice, Burella, Oza dei Fiumi, Tomigno…  Pensemos que imos visitar a uns amigos duns amigos, que están descubrindo un agradable modo de vivir, e como escoitaron que somos boa xente e que temos ganas de descubrir cousas novas, quérennos ensinar durante uns días como o están a facer. Teremos distintas alternativas (e prezos) para facelo, pero iso xa o explicaremos máis adiante.

Agora que xa estamos preparados, organizamos a nosa mochila (si, como se fósemos a ese pobo veciño): tres ou catro camisetas, un par de pantalóns, varios calcetíns e roupa interior… non moito máis! E agora si, montamos no medio de transporte elixido para chegar ó noso destino (entre vós de baixo custo, trens e buses… seguro que conseguimos algo a bo prezo). A menos que viaxásemos por estrada ou ferrocarril,  seguramente será obrigatorio o paso por algún aeroporto de Roma ou Napoli. Dende alí teremos que desprazarnos con algún medio terrestre (o tren tirrénico, por exemplo) ata Sapri (xa estamos no Cilento!) e alí atoparemos liñas de autobús ou poderemos programarnos cos nosos anfitrións para achegarnos ó noso destino… Morigerati! Se non nos foron a buscar xa antes, na praza do pobo seremos acollidos polos nosos amigos…

Trala toma de contacto inicial, comezaremos a darnos conta de que imos ben encamiñados no noso intento de descifrar o que é ese novo concepto de turismo. Se chegados a este punto aínda non sentimos ningunha emoción distinta e nova, polo menos veremos que imos estar nun tipo de sitio no que penso que seguramente poucos de nos tiveramos estado antes: un “pobo-albergue”. Pero como a esta altura parece que é mellor empezar a deixarse de intrigas… deixaremos para o final as explicacións sobre que é iso do pobo-albergue, e pasaremos a contar porqué estamos falando de Morigerati. ¿Por qué vimos aquí? ¿Qué é o que ten de distinto este pobo do sur da provincia de Salerno?

Comezaremos por falar sobre algo que está a pasar dende fai moi pouquiño en Morigerati…

Nestas latitudes, tan afastadas e tan próximas (como a broma de Tomigno… pero sen esquecer que en Italia hai outro Lugo) a mocidade tamén está a vivir -a maiores das reflexións existenciais que existiron en todas as épocas- momentos de incerteza cos trepidantes cambios da sociedade e do planeta. Non todos están a gusto co modelo de vida cara o que un camiña si se deixa levar polas pautas que rixen –maioritariamente- o mundo de hoxe.  De aí que, a principios do ano pasado (2012), un grupo deles empezaran a moldearse unha alternativa de vida que pode representar unha saída non só para eles senón para moitos outros mozos do mundo. Crearon unha Cooperativa Social que se ocupa de agricultura social e ecoturismo: Terra di Resilienza (www.terradiresilienza.it). Explicaremos un pouco de que vai e de onde ven esta idea.

Derrotados pola historia, na beira do desenvolvemento económico, emigrando para construír a utopía do consumismo noutras terras, este territorio cilentano, similar a outros, mantivo aínda así durante décadas un pequeno mundo entre pobos, e fixo relacións de solidariedade, auto-abastecemento, e cultura campesiña civilizada. Hoxe, tras unha evolución dos acontecementos que todos coñecemos, pouco queda deste mundo.

Nace Terra de Resilienza do ardor provocado por ese percorrido. Dun forte senso de inxustiza, percibido de maneira colectiva, referíndose á consciencia histórica das inxustizas sufridas pola Terra, e da destrución do imaxinario de toda unha xeración que creceu na ilusión dun crecemento económico infinito e un estilo de vida consumista.

Cando estes mozos elixiron a palabra “resiliencia” non foi accidental. Segundo eles “o chamado desenvolvemento só pode ser xerado por forzas endóxenas que cultiven unha conciencia da historia. Fai pouco virouse a atención sobre o papel multifuncional da agricultura, acompañada por actividades sociais (agricultura social) e que se chama ´post-turismo´. Nesta perspectiva, o retraso do Cilento tornouse unha oportunidade para crear recursos no territorio. Sentímonos atraídos por experimentar a síntese entre faber e sapiens, practicada por primeira vez pola xeración “educada” que optou por regresar a este recuncho remoto das provincias napolitanas non co pretexto de ser profesionais senón co desexo de ser campesiños.”

¿E que é o que nos ofrecen a nós concretamente? Existe a oportunidade de convivir con eles e compartir experiencias. Non de modo unidireccional, senón que aquí o que se busca é un intercambio de emocións, de ideas, de savoir-faire, cultura, raíces… coñecementos válidos e útiles, tan practicables nun territorio como o galego. E é que o Cilento, coma Galiza, é unha rexión rural onde a sostibilidade era practicada antes mesmo da propia existencia da palabra ou do concepto de turismo sustentable.

¿Interesante oportunidade, non? ¿Turismo emocional? Agora toca seguir explicando o do pobo-albergue e consecuentemente coñecer esta alternativa de aloxamento tan peculiar para a nosa experiencia cilentana.

Grazas a visitantes curiosos na procura de contacto coa natureza, Morigerati (que é un pequeno burgo de orixe medieval entre o  mar e a montaña),  empezou a crear este modelo baseado no turismo sustentable e na agricultura de calidade. Para dar accesibilidade á beleza do seu entorno, a xente deste pobo transformou o casco histórico do seu concello e parte dos arredores nun pobo-albergue (www.paeseambiente.com), idea que consiste en abrir as portas das súas casas (a prezos moi asequibles) ofrecendo unha acollida calorosa e familiar.

¿Gustouvos?

Tiven a oportunidade de coñecer a esta xente fai pouco máis dun mes. Non so puiden coñecer de primeira man Terra de Resilienza e Paese-Albergo. Tamén puiden sachar un rato no horto resiliente… comer uns raviolis de primeira “da Rosella”… tomar uns viños feitos con uvas colleitadas polos meus anfitrións… xogar a pelota co seu fillo de 5 anos… admirar as augas das grutas do Bussento (lugar protexido WWF)… bañarme no río co mesmo nome despois dunha comida (con pratos tradicionais) ó aire libre con todo o grupo que alí fomos… compartir momentos cos extraordinarios morigeratesi… coñecer a un exemplar humano como Dario Marino! Pois si, creo que eu puiden entender o que é o turismo emozionale. Agora tócavos a vos, se queredes…

Sin título