Futuro dos patrimonios da humanidade galegos

http://tendencias.galiciaconfidencial.com/nova/14626.html

Sería interesante poder facerlles ós galegos unha enquisa na que se lles preguntase polos nosos Patrimonios da Humanidade ¿Cales son? ¿Cando foron aprobados oficialmente pola UNESCO? ¿Qué lugares están á espera de ser recoñecidos? ¿Ata que punto creen que o seu nomeamento influíu na sociedade e na economía do país?

Neste 2013 cúmprense 35 anos dende a inscrición dos primeiros 12 sitios do Patrimonio Mundial., e os sete lustros transcorridos xa permiten facer algunhas valoracións, tanto positivas como negativas, sobre o valor desta marca de innegable prestixio internacional.

Situación actual

En termos económicos unha das preguntas que os xestores do turismo (dende locais ata estatais) se farán é se os nomeamentos inciden positivamente na chegada de visitantes. Difícil dar unha resposta rotunda, pero si podemos valorar algúns datos dos organismos oficiais. Por exemplo, a correlación (por países) entre o número de bens inscritos e os datos relativos ó turismo receptor. Os países con maior número de sitios na lista do Patrimonio Mundial son Italia, España, China, Francia e México. Coinciden case exactamente cos que lideran o ranking de chegadas de turistas internacionais -segundo a OMT- no 2011: Francia, Estados Unidos, China, España, Italia. Os mesmos cinco que lideran o listado de países segundo os ingresos xerados polo turismo entre os anos 2008 e 2010.

A historia dos nomeamentos galegos comezou no 1985, co premio á beleza e integridade monumental do casco histórico de Santiago de Compostela. No 1993 foi o Camiño (francés) de Santiago, no 2000 o recoñecemento á lucense e única muralla romana completa do mundo,  e finalmente no 2009 ó único faro romano que permanece en activo no mundo (a Torre de Hércules).

Outros patrimonios históricos clásicos agardan o seu nomeamento dende fai cinco anos: O Ferrol da Ilustración (conxunto patrimonial) e as rutas Primitiva e Norte do Camiño de Santiago. Pero ademais destes, xa na segunda década do século XXI, parece que tanto para a UNESCO como para Galiza chega a hora de recoñecer outros tipos de bens: ás Paisaxes Culturais e o Patrimonio Inmaterial.

Novas oportunidades

Estes dous tipos de elementos comezaron a ser definidos e recoñecidos fai relativamente pouco por este organismo das Nacións Unidas: concretamente en 1992 (as Paisaxes Culturais) e no 2001 (os Patrimonios Inmateriais). O evidente potencial galego nestas dúas categorías fixo que non se tardase en comezar a preparar os dossiers de candidatura, e aí están, agardando dende 1996 e 2007, a Ribeira Sacra e Os Ancares. Tamén na última década o Patrimonio Inmaterial galego-portugués presentou candidatura no ano 2004, e nos últimos meses uniuse a todas estas intencións o Baile Tradicional Galego, que busca obter apoios para presentarse no 2014.

¿Qué pasará con estas 6 oportunidades de darlle eco internacional á nosa cultura e historia? Por agora só queda facer forza e agardar. E mentres tanto podemos aproveitar para congratularnos polo recoñecemento obtido a pasada semana noutra das categorías de protección da UNESCO: as Reservas da Biosfera. As Mariñas coruñesas e as Terras do Mandeo xa son a sexta reserva galega recoñecida. Únense ás Terras do Miño (2002), á Área de Allariz (2005) ós Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerrea (2006), ó Río Eo, Oscos e Terras de Burón (2007) e ó Parque Natural Gerês-Xurés (2009).

Sin título

Advertisements