Ribeira Sacra: recoñecemento da UNESCO?

http://tendencias.galiciaconfidencial.com/nova/14381.html

A miña primeira memoria consciente sobre a existencia da UNESCO remóntase ó 2000 e ós anos que precederon a aquela data marcada en vermello na historia de Lugo. Non lembro que era o que sabía antes sobre este famoso organismo internacional, pero si lembro aqueles momentos nos que a miña cidade se unía, como poucas veces, para acadar o merecido recoñecemento de Patrimonio da Humanidade para esa nosa única muralla romana completa do mundo.

Poñéndome na pel daquel rapaz de 14 anos que era lémbroo case como un éxito deportivo. Coma o ascenso do Breo no 99 ou a primeira liga de fútbol con nome galego no 2000. Coma un 25 de xullo en Santiago ou coma unha noite cos amigos no festival de Ortigueira. Un momento onde o sentimento lucense e galego aflorou deixando unha forte pegada no rexistro emocional de todos os que vivimos ese momento. E si, foi naqueles anos, nos que cambiábamos de milenio, cando empecei a tomar consciencia da importancia do recoñecemento internacional que nos daba o nomeamento de Patrimonio Mundial.

Xa pasaron case 13 anos, e neste tempo as miñas inquedanzas e a miña perspectiva foi mudando progresivamente. Quedou ese flashback emotivo e as ganas de que se sigan recoñecendo os nosos atractivos culturais e históricos, pero sumáronse novas reflexións e aprendizaxes. Por exemplo ser aínda máis consciente do valor promocional da marca UNESCO… ou por exemplo ver que esa marca non asegura nada se non se lle saca partido.

E así como me pasou coa UNESCO (coñecía a súa existencia pero non me interesou tanto ata que pasou o da Muralla), tamén me pasou coas Paisaxes Culturais. Un concepto desenvolto en profundidade pola propia Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura. Unha das categorías de distinción dos Patrimonios da Humanidade.

A Ribeira Sacra está a menos dunha hora en coche da miña casa e visiteina infinidade de veces sendo pequeno. Non recordo a que idade descubrín que era unha das zonas máis visitadas de Galiza e que ós visitantes e turistas encantáballes pasear en catamarán e degustar os viños e produtos da zona. Máis adiante decateime de que moitos outros paseaban pola zona motivados polo rico patrimonio arquitectónico e histórico, fundamentalmente ó románico. Incluso que algunhas persoas chegaban dende distintos puntos do mundo só para aloxarse no histórico parador de Santo Estevo. Sen embargo non foi ata traballar alí (facendo de guía nun tour enolóxico e posteriormente traballando nun proxecto de creación dun xeoportal web) cando realmente fun consciente do tesouro que habita facendo fronteira entre as provincias de Lugo e Ourense.

Coñecín de primeira man a turistas, labregos, emprendedores de distinto tipo, residentes en xeral… e empecei a interesarme en maior profundidade. Buscando en internet aló polo 2008 descubrín por primeira vez a existencia dese famoso concepto de paisaxe cultural. Ó parecer a Ribeira Sacra era potencial candidata á ser nomeada pola UNESCO… que interesante noticia! Camiño de Santiago, centro histórico de Santiago, Muralla de Lugo, Torre de Hércules… ¿podería ser a Ribeira o quinto Patrimonio Mundial galego?

E casualidades da vida ou non, fai pouco máis dun ano, despois de 3 traballando no CETUR (en Santiago), candidateime para unha bolsa da Unión Europea adicada ó estudo das Paisaxes Culturais. E dende o mes de Xullo aí ando, compartindo aula con compañeiros de distintos países (de 4 dos 5 continentes) e analizando a realidade destes espazos culturais que existen ó longo do noso planeta. ¿Cómo non pensar na Ribeira Sacra en todo este tempo? Imposible.

O primeiro semestre fixémolo en Francia, onde analizamos minuciosamente diversas paisaxes culturais vinícolas (principalmente a de Lavaux, en Suiza) e visitamos algúns espazos de similares características como a rexión de Borgoña.

Neste segundo estamos en Napoli traballando especialmente temas de restauración e conservación do patrimonio, e esta semana pasada fixemos unha viaxe de estudos a dúas das paisaxes culturais italianas nomeadas pola UNESCO: a Costa Amalfitana e o Cilento. Admiramos dous territorios dunha enorme riqueza natural que o home foi transformando -quizáis sen sabelo- dun modo sustentable (concepto tan importante e que hoxe está tan de moda).

Estando alí e percatándome da similitude existente entre os territorios, pensaba na oportunidade que sería para a Ribeira Sacra o levar adiante ese obxectivo de ser recoñecida a nivel Mundial. Poder soar a nivel internacional como o fan estas terras italianas. Tal e como pasaba coa Muralla, os valores están aí agardando ser aprezados e tratados con estima. Por sorte en Galiza (como tamén sucede no Cilento) temos unha terra non degradada excesivamente… e iso danos a oportunidade de poder pensar nun presente e futuro desenvolvemento económico armonioso en sintonía co patrimonio natural e cultural.

Nos próximos meses temos por diante a tarefa de estudar e analizar as potencialidades das paisaxes culturais dos nosos países. Teño moitas ganas de descubrir en maior profundidade –e posteriormente compartir-  as particularidades que presenta a Ribeira Sacra na súa candidatura UNESCO, que de momento está incluída na lista indicativa. Por agora podo dicir que todo o que puiden observar nas miñas presentacións foi asombro e interese polas fermosas terrazas de viñedos, polas técnicas e tecnoloxía utilizadas na colleita, pola simbiose entre o río e a vexetación, polas referencias visuais da arquitectura ribeirana…

O potencial está aí. Ogallá as administracións e responsables de diversa índole aproveiten esta oportunidade gratuita e no futuro poidamos falar desa primeira Paisaxe Cultural UNESCO. Sería outro paso adiante no desenvolvemento dese gran campo de desenvolvemento que Galiza ten por diante co turismo cultural, ecolóxico, histórico, emocional, rural, de aventura, activo, xusto, sostenible… moitas categorías nas que hai aptitudes e capacidades para dinamizar.

Sin título
Advertisements