O Centro de Estudos Turísticos da USC estreita lazos de colaboración con Brasil

http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2011_06/noticia_0049.html

O Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago de Compostela (Cetur) participou esta semana a través de videoconferencia nas xornadas ‘Ollares Múltiplos’ organizadas pola Universidade de Univali en Santa Catarina (Brasil).
O director do Cetur, o profesor Xosé Manuel Santos Solla, presentou no encontro o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas, iniciativa pioneira en Galicia no eido da investigación do turismo. Na súa intervención destacou as principais liñas nas que están a traballar como, entre outros, o Observatorio Turístico de Santiago, ferramenta clave para a xestión do destino. Fixo ademais especial fincapé no apartado de convenios de colaboración que permiten tanto a docentes como a estudantes realizar estancias de investigación en numerosas universidades de todo o mundo. Puxo tamén en valor a estreita colaboración co Máster de Dirección e Planificación de Turismo da USC.
Na mesma xornada dous técnicos investigadores do Cetur presentaron as súas liñas de investigación. Pilar Taboada-de-Zúñiga, co relatorio ‘Turismo idiomático en Santiago de Compostela’, destacou a potencialidade de crecemento deste novo nicho de mercado destacando o papel que vén desenvolvendo neste eido a USC e a oferta de alta calidade que presentan o Centro de Linguas Modernas e Cursos Internacionais S.L da USC.
Pola súa banda, Guido Álvarez presentou o traballo realizado no Observatorio Turístico de Santiago dando unha especial relevancia á principal investigación en curso relacionada co estudo de caracterización da demanda turística, ou sexa, o perfil do turista que visita a cidade.
O profesor Eduardo Hack Neto, da Universidade de Univali (Brasil), foi o coordinador e organizador do evento que abre novas vías de colaboración entre a Universidade de Santiago e a brasileña.