A USC avala a utilidade das liñas ‘low cost’ en Santiago

http://www.xornal.com/artigo/2010/12/13/galicia/usc-avala-utilidade-das-linas-low-cost-santiago/2010121321313200480.html

O Concello de Santiago culpa a Xunta do “duro golpe para o turismo” da marcha de Ryanair

O Concello de Santiago reivindicou onte o “valor estratéxico” do aeroporto de Lavacolla e reclamou a necesidade de potenciar as aeroliñas de baixo custo no aeroporto central de Galicia, a un mes para que desaparezan os tres enlaces internacionais de Ryanair (Londres, Roma e Fráncfort). O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias (BNG), avalou estas demandas cun estudo do Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago (USC) que afirma que a metade dos pasaxeiros que chegan a Compostela nun voo low cost visitan outros lugares de Galicia.

Segundo Iglesias, os datos conclúen que apostar polas liñas de baixo custo en Santiago permite a ampliación de mercados internacionais para o sector turístico non só da cidade, senón de toda Galicia. “Os datos tamén confirman que facer outro tipo de apostas non responde a criterios de desenvolvemento do sector turístico galego e de racionalidade no gasto público, senón a outro tipo de criterios, especialmente criterios electorais entregándolle a outras cidades un valor estratéxico para Santiago e o conxunto do país”, sinalou o edil nacionalista en rolda de prensa.

Neste sentido, a anunciada supresión das tres rutas europeas de Ryanair dende Lavacolla o 11 de xaneiro e do enlace de Vueling a París “significará un golpe moi duro ao sector turístico de Santiago e de Galicia, e a responsabilidade só é imputable á Xunta de Galicia”, asegurou Iglesias.

O responsable de márketing da low cost irlandesa en España, LuisFernández Mellado, asegurou onte en declaracións a Xornal que “a supresión das liñas é definitiva dende o momento en que se anunciou” aínda que evitou concretar se manteñen negociacións coa Xunta. A este respecto, o concelleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, asegurou a pasada fin de semana que mantén conversas con “todas as compañía aéreas” para garantir en 2011 o mesmo mapa de rutas internacionais do pasado verán.

O PRINCIPAL DESTINO: A CORUÑA

O estudo do Centro de Estudos Turísticos da USC determina que o dos pasaxeiros que chegan a Lavacolla con aeroliñas de baixo custo o 48,75% visitan outras localidades. Despois de Santiago, o lugar máis visitado é A Coruña (o destino do 38% deles), seguidos por Vigo e Fisterra (ambos cun 11%) e Pontevedra (cun 7%). Ademais, o 57% de viaxeiros das low cost son estranxeiros, dez puntos máis que coas aeroliñas tradicionais. Destacan os británicos, italianos e alemáns, precisamente os países cos que enlaza Ryanair.

O informe baséase nunha enquisa de demanda turística entre os anos 2006 e 2009 e establece ademais que o gasto medio dos visitantes que chegan en voos de baixo custo é similar aos de liñas tradicionais. No pasado ano este dato situouse nos 61,59 euros diarios.

Advertisements