Somos festivaleiros

Publicado o 9 de Setembro do 2008

Quedan 304 días. Se digo que isos son os que quedan para volver a festexar a ritmo folkeiro no areal de Morouzos, máis de un entendera o significado desa conta atrás. E é que o festival de Ortigueira ademais de atrapar e converter en asiduos ós que o coñecen, ten segundo a miña opinión un valor engadido: nos converte en festivaleiros. Si, o somos. Nas noites galegas podemos atopar locais diversos: popeiros, heavys, pachangueiros, de música electrónica, de rock, música latina… pero todos eles están cheos deses individuos que clasificaba antes con ese popular termo que toma especial vida entre os meses de xuño e outubro.

Como definir a un festivaleiro? Para entendelo dun modo práctico recomendaría a asistencia a festa romana, o Arde Lucus. Alí este ano podíanse atopar todo tipo de festivaleiros. Escollo esta festa porque alí podíase ver moita variedade nun dos criterios que máis custa unificar: a idade. Nesta, unha das primeiras festas do verán galego, destaca o como se involucra a cidade, dende os bebés ata os máis vellos, todos eles vestidos de romanos, castrexos, druídas… Un gusto como se mesturaban as diferentes xeracións nesas noites de xuño nas que os primeiros habitantes lucenses renacían para ensinarlle ao mundo de onde vimos.

Ser festivaleiro é un modo de disfrutar da nosa cultura. É inquedarse pola nosa música, preocuparse por coñecer a nosa historia, disfrutar ensinándolle aos foráneos o que temos pola terra galaica e como nos sabemos divertir. Un festivaleiro é unha fusión do turista que vai e o turista que recibe. É unha mentalidade. Aprender dos outros e mostrarlles a eles o propio. Disfrutar do ritual de cada verán percorrendo as distintas vilas e cidades. Enterarse do que foron os desembarcos dos pobos do norte na antigüidade celebrando no Desembarco Vikingo de Catoira. Xogar a ser Irmandiño na revolta organizada nestes días no castelo de Monterrei. Relembrar a Julio Bruto e as súas tropas cruzando o río Limia na festa do Esquencemento de Xinzo, inventar un novo festival como é o FAX, ou potenciar o valor de Pardiñas.

Como dicía ao principio, o festivaleiro maquina no inverno para o que vai vir no verán. Nesas noites de queimada, licor café ou Cabreiroá durante os meses de frío, soñamos en alto con esos amenceres na tenda escoitando os ritmillos de timbal dos colegas máis madrugadores. Preparar un caldo para 15 e agardar a que se faga con calma mentres arranxas o mundo cos amigos ao redor do lume. Os músicos emocionados compartindo os seus pensamentos entre canción e canción. O outro que demostra as súas habilidades malabarísticas practicadas durante o resto do ano. Xa sexa no Reventón na Coruña, no Curruncho en Compostela, no antigo Pirata de Lugo ou en tantos outros lugares míticos da nosa xeografía, estas conversas non son un feito illado.

Certo é que non é unha característica particular dos galegos, xa que o ser festivaleiro é algo internacional. Pero si se pode dicir que a nosa oferta de festivais, festas populares ou gastronómicas, ten un atractivo particular que cada ano atrae a máis xente de tódolos lugares do mundo. E volvendo o comezo, un claro exemplo desa intercomunicación planetaria é o noso Ortigueira. Alí lle dicimos a todos eses ingleses, italianos, arxentinos, estadounidenses, alemáns, senegaleses ou chinos… o que é ser galego, o gusto que nos da convidalos á casa e tamén invitalos a quedarse.

Advertisements