A vida do emigrante, o vagabundo do soño errante

Na Idade Contemporánea os galegos confirmámonos como pobo emigrante. As máis coñecidas migracións foron en primeiro lugar a Francia nas chamadas emigracións golondrina entre 1830 e 1914. En certa medida tamén se emigrou a Marrocos, Arxelia, Guinea e o Sáhara (aínda que se deu máis nos pobos do Sul da península).

Na Segunda República deuse con frecuencia a emigración pola propia península. Máis tarde, despois da Segunda Guerra Mundial, os galegos emigraron masivamente polo continente europeo, especialmente a Francia, Suiza, Bélxica e Alemaña. Pero sobre todo, e máis que a ningún outro lado, emigramos a América entre 1846 e 1932, especialmente a Arxentina, Uruguai e Cuba.

A Real Academia Galega define ese verbo, o emigrar, como “deixa-lo propio país ou o lugar de orixe, para establecerse noutro, en particular por razóns de traballo”. Hoxe os galegos seguimos emigrando, e como ben dí a definición, en particular por razóns de traballo. E na actualidade xa non só saímos. Tamén veñen. Tamén veñen coa incertidume de non saber como se adaptaran, se botarán de menos á súa xente, e o que é aínda máis duro, se sobrevivirán e poderán axudarlle ós seus a sobrevivir.

Curiosamente moitas das procedencias dos novos veciños son as mesmas ás que nos emigrábamos. Africanos e americanos na súa maioría, e tamén europeos, e non só os que veñen a traballar, senón tamén a nova inmigración dos xubilados dos países ricos de Europa, os xa mencionados alemáns, franceses… tamén ingleses, suecos… E e que a famosa foto no Porto da Coruña do pai que se despide do seu fillo momentos antes de embarcar a América séguese dando. Segue habendo pequenos heroes entre nós. Aínda que non o conten en libros ou na televisión.